Académicos e académicas

Ramón Martínez López

Ramón Martínez López

Boiro, A Coruña, 1907 - Santiago de Compostela, 1989
Data de ingreso
22/01/1976
A proposta de
Xosé Filgueira Valverde, Ramón Otero Pedrayo e Fermín Bouza-Brey Trillo
Resposta pronunciada por
Isidoro Millán González-Pardo

Filólogo, romanista e historiador literario especializado na literatura comparada e no exilio, experiencia que el mesmo padeceu tras a guerra civil. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, editor da versión galega da General Estoria de Afonso X e creador da sección de Galego da Modern Language Association. Foi docente durante trinta anos na Universidade de Austin (Texas). De regreso en Galicia tras a morte de Franco, foi o primeiro presidente do Partido Galeguista.

Cursou o bacharelato no colexio dos Escolapios en Monforte de Lemos e licenciouse en Dereito (1927) e en Filosofía e Letras (1929) pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante a etapa compostelá integrouse nos círculos galeguistas da época, publicou n’A Nosa Terra e Nós, militou nas Irmandades da Fala e participou na creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), no que ingresou coa lectura do ensaio “La Emperatriz Isabel al Concejo de Santiago sobre la victoria de Túnez” (1928). No seu seo, encadrado nas seccións de Filoloxía e Xeografía, estudou temas de bibliografía galega, da industria pesqueira, colaborou na catalogación dos castros da bisbarra compostelá e tomou parte nas xeiras de Melide e Deza.

Profesor por oposición de Lingua e Literatura no instituto de bacharelato de Lugo entre 1930 e 1933, Martínez López colaborou coas revistas Yunque, dirixida por Ánxel Fole, e Resol, e foi un dos organizadores da visita de Lorca a Lugo. Nas eleccións de xuño de 1931, as constituíntes da II República, Martínez López concorreu formando parte da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), e nas de 1933, xa nas listas do Partido Galeguista, no que permaneceu o resto da vida. Desde esa data ata 1936 exerceu como profesor de Literatura comparada hispano-portuguesa no Instituto Español de Lisboa. Neste período converteuse en discípulo de Américo Castro e coñeceu a Valle-Inclán e Unamuno (autor do limiar da súa tradución ao español do poemario São Paulo, de Teixeira de Pascoaes) e dirixiu a Exposición do Libro Español (1935). En 1936 doutorouse en Letras pola Universidade Central de Madrid cunha tese sobre a influencia portuguesa na obra de Lope de Vega, dirixida polo primeiro presidente do SEG, Armando Cotarelo Valledor.

O estoupido da guerra civil sorpréndeo de vacacións en Galicia, de onde pasa a Portugal grazas á axuda de Valentín Paz Andrade. En Lisboa traballa como agregado cultural da embaixada española dirixida por Claudio Sánchez Albornoz. Expulsado do país pola ditadura salazarista, diríxese primeiro a París e, en 1937, a Alxeria para traballar como conferenciante na cátedra que dirixía Marcel Bataillon na Universidade de Alxer. Ese mesmo ano, regresa a España a tomar as armas en defensa da república. Coincide durante a guerra con antigos amigos e correlixionarios seus, como Castelao e Dieste. Coa caída da República, pasa unha tempada en Francia e, desde alí, trasládase á Arxentina, onde exerce como bibliotecario na cidade de Pergamino.

Tempo despois, Amado Alonso ofrécelle un posto como investigador no Instituto de Filoloxía da Universidade de Buenos Aires. En 1940, coa asistencia de Américo Castro, marcha aos Estados Unidos a traballar na Universidade de Austin (Texas), nunha estancia que se prolongará deica 1970. Realiza tamén estadías como profesor visitante nas universidades de Wisconsin, Nuevo México, Puerto Rico, Denver e o Middlebury College (Vermont).

Foi o creador da sección de Galego da Modern Languages Association, membro do Centro de Estudos Filolóxicos de Lisboa, da Academia Medieval de América, do Instituto Internacional de Literatura Iberoamericana de Profesores de Español e Portugués e director do Departamento de Linguas Románicas da Universidade de Austin.

No seu traballo como filólogo salienta a edición, nota introdutoria e vocabulario da General Estoria. Versión gallega del siglo XIV. Ms. O.I.I. del Escorial (1963) de Afonso X O Sabio, publicada pola Universidade de Oviedo, onde traballaba daquela o seu amigo Xosé Luís Pensado. Outra das súas grandes áreas de traballo foi a literatura exílica, nomeadamente a especializada en autores galegos, como a que reúne na monografía A Literatura Galega no exilio (1987). Estudou a relación de autores como Tirso de Molina e Lope de Vega con Portugal e a obra de Valle-Inclán, Álvarez de Villasandino, Rosalía, Curros, Pondal, Alfonso López Vieira, Teixeira de Pascoaes, Cesáreo Verde, Manuel da Silva Gaio, António Correira de Oliveira e Augusto Gil. Redactou as súas entradas no Dictionary of Modern European literature (1947).

De volta en Galicia en 1971, participa na recuperación do Partido Galeguista do que é elixido o seu primeiro presidente en 1978 e intégrase plenamente na vida cultural e política da Galicia democrática. Foi elixido membro do padroado da Fundación Otero Pedrayo, e da Universidade de Santiago de Compostela, secretario do Seminario de Estudos Galegos Padre Sarmiento e membro do Consello da Cultura Galega. Foi o primeiro presidente da Fundación Castelao. Ramón Martínez López foi merecente de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa vida, como a bolsa da Fundación Guggenheim, o Premio Trasalba, o Pedrón de Ouro e a Medalla Castelao.

No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Contribucións norteamericás á historia da cultura medieval galega, o académico boirense debulla a relación de medievalistas norteamericanos como George Edmond Street, Georgiana Goddard King ou Arthur Kingsley Porter co románico galego e o Camiño de Santiago. No capítulo filolóxico, salienta o traballo das filólogas americanas Kenneth Conant e Dorothy Clarke sobre a poesía medieval galega. Contestoulle en nome da Academia Isidoro Millán González-Pardo.