Académicos e académicas

Narciso Correal y Freire de Andrade
A Coruña, 1876 - 1951
Data de ingreso
22/04/1939
A proposta de
Félix Estrada Catoyra, Francisco Ponte y Blanco e Eladio Rodríguez González
Título do discurso
Benito Mª Pla y Cancela: una gran figura gallega forense, política y parlamentaria
[Para cubrir as vacantes de varios numerarios, Manuel Casás Fernández solicitou un permiso ministerial co fin de que se puidese realizar unha toma de posesión colectiva na que os académicos entrantes non tivesen que dar lectura ao preceptivo discurso de ingreso e así axilizar os trámites. Concedido este permiso, ingresaron o 22 de abril de 1939 na Real Academia Galega: Ramón de Artaza y Malvárez, Narciso Correal y Freyre de Andrade, Jaime Solá Mestre (que xa presentaran o texto do discurso segundo consta no seu expediente), Juan Domínguez Fontenla, Antonio Noriega Varela e Lisardo Rodríguez Barreiro]
Resposta pronunciada por
Salvador Cabeza de León
Avogado e escritor especializado no estudo das obras de beneficencia e da súa historia, nomeadamente nos traballos de asistencia social de Teresa Herrera, Juana de Vega e Concepción Arenal. O seu traballo La beneficencia privada en el siglo XVII. El venerable Barrantes, canónigo de Burgos (1915) obtivo un gran recoñecemento no momento da súa publicación. Como académico promoveu a creación do Museo da RAG.
Narciso Correal cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu a avogacía de xeito brillante, gañando sona de grande orador. Interesado desde moi cedo polas políticas de beneficencia e asistencia social, centrou os seus estudos na esculca sobre o legado de tres mulleres comprometidas con esta causa: Teresa Herrera, Juana de Vega e Concepción Arenal.
No caso da primeira delas, a publicación da obra Teresa Herrera (1909) supuxo unha verdadeiro redescuberta da figura e do traballo a prol dos máis desfavorecidos da fundadora do primeiro hospital da Coruña, o da Caridade, coruñesa de procedencia humilde que viviu entre 1712 e 1791. Do mesmo ano é a monografía Juana de Vega, na que Narciso Correal analiza o labor de beneficencia social da mecenas e humanista, promotora do hospicio da Coruña.
Mais, sen dúbida, foi o legado da intelectual ferrolá Concepción Arenal (1820-1893) o que centrou o maior interese do académico. En libros como Concepción Arenal y su obra (1907), La obra poética de Concepción Arenal y su romancero Anales de la virtud (1920) e Concepción Arenal y los problemas sociales contemporáneos (1923), Correal debullou polo miúdo os aspectos literarios, pedagóxicos e sociolóxicos da súa obra, así como o seu compromiso coa defensa das persoas máis desfavorecidas.
Nesta mesma liña de investigación sobre a historia da asistencia social, cómpre situar La beneficencia privada en el siglo XVII. El venerable Barrantes, canónigo de Burgos (1915). Este estudo sobre o labor do relixioso castelán de orixe galega Pedro Barrantes Aldana (1586-1658), cóengo da catedral de Burgos, supuxo unha auténtica revelación e a recuperación da memoria desta figura histórica practicamente esquecida. O traballo mereceu o recoñecemento entusiasta por parte da Real Academia da Historia, quen designou a Narciso Correal académico correspondente. A partir desta achega, foi nomeado cóengo honorario da catedral de Burgos, fillo predilecto da mesma cidade e destinatario da Gran Cruz de Beneficencia e da Gran Cruz da Orde Civil de Afonso XII.
A concepción da caridade está igualmente presente en El Cid, su personalidad en la historia, en el romance y en la beneficiencia (1918), obra na que Correal analizou un dos aspectos menos coñecidos deste personaxe.
Alén da historia da beneficencia, Narciso Correal estudou tamén a obra poética de Aureliano J. Pereira, aspectos da historia militar española en El nuevo y el viejo Trafalgar. Rasgos heroicos de la Armada Española en el siglo XIX (1923) e cuestións de índole xurídica, como Documento forense en defensa de Don Pedro Corbacho (1910).
A figura do xurista e político liberal Benito Pla y Cancela, defensor nas Cortes españolas dos intereses de Galicia, ¬nomeadamente da posta en marcha do tren¬, mereceu tamén a súa atención. A el dedicoulle o seu discurso de ingreso na RAG como membro de número, que non chegou a ler por mor do pasamento en maio de 1934 de Salvador Cabeza de León, autor da resposta en nome da institución. O ingreso oficial pospúxose ata 1939, cando entrou finalmente canda outros académicos por orde ministerial.
A proposta de incorporación ao pleno da Academia de Correal foi presentada por Félix Estrada Catoyra, Francisco Ponte y Blanco e Eladio Rodríguez González. Previamente, en 1907, fora nomeado académico correspondente a proposta de Tettamancy, Vaamonde e Lugrís. Entre as súas achegas á RAG, salienta a promoción da creación do Museo da Academia, ao que doou varios obxectos de gran valor histórico.
Narciso Correal foi tamén membro correspondente da Real Academia Española, e das academias de Historia, Ciencias Morais e Políticas, Belas Artes de San Fernando, Hispano Americana de Cádiz e Belas Artes de San Telmo de Málaga; así como membro numerario da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña, da Asociación de Arqueólogos de Lisboa, do Instituto Histórico do Minho e comendador das ordes portuguesas de Santiago d’a Espada e da Real Ordem de Nossa Senhora da Conceição de Vila Viçosa. As cidades da Coruña e Burgos outorgáronlle o recoñecemento de fillo adoptivo.