Académicos e académicas

Manuel Rivas Barrós

Manuel Rivas Barrós

A Coruña, 1957
Data de ingreso
12/12/2009
A proposta de
Luz Pozo Garza, Xosé Neira Vilas e Xosé Luís Axeitos
Resposta pronunciada por
Xosé Luís Axeitos

A Coruña, 1957. Escritor e xornalista, é autor dunha obra que se estende ao longo de máis de corenta títulos traducidos a máis vinte linguas que acadaron o recoñecemento do público e da crítica, e que foron levadas ao cine en varias ocasións. Dono dunha voz moi recoñecible, entre o lirismo e a ironía, as súas creacións retratan a sociedade galega dende o compromiso cívico con cuestións como memoria histórica, a xustiza social e o ecoloxismo. É doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e codirector da revista Luzes. 

Nado no barrio coruñés de Monte Alto, estudou primaria na escola Castro de Elviña, e mentres estudaba o bacharelato no Instituto de Monelos principiou a colaborar como meritorio no xornal El Ideal Gallego. Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, nesta xeira entrou en contacto cos irmáns Lois e Xosé Manuel Pereiro, cos que formaría o colectivo poético Loia. Canda eles deu ao prelo en 1975 a revista do mesmo título. Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro seguiron a colaborar en revistas como La Naval (1984-1985), Bravú (1994) e Luzes de Galiza (1985-1997), retomada con periodicidade mensual en 2013.

Xa en Madrid, onde estudou Ciencias da Información na Complutense, entrou en contacto coa política galega do seu tempo e publicou dous libros nos que retrata os seus principais axentes e debates en curso: Os partidos políticos na Galiza (1977), canda Ignacio Taibo, e Informe dunha frustración: as claves do proceso estatutario galego (1980) xunto con Xosé A. Gaciño Barral. Rematada a carreira, incorporouse ao gabinete de prensa municipal da Coruña, posto que acadou por oposición. En 1981 cubriu como xornalista a viaxe do buque pesqueiro Xurelo até a Foxa Atlántica, en protesta contra a instalación dun vertedoiro de residuos radioactivos fronte ás costas galegas. Nos anos 80 traballou en medios como La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou o Diario de Galicia (1988-1989), do que foi subdirector, así como en El País. Neste último grupo segue a colaborar, cultivando o xornalismo de opinión e participando nos debates contemporáneos desde o rigor, o humor e a tenrura. 

Parte da súa obra xornalística foi recollida en libros como Galicia, el bonsai atlántico (1989), Toxos e Flores (1992), El periodismo es un cuento (1997), Galicia, Galicia (1999), Muller no baño (2002), Unha espía no reino de Galicia (2004), Os Grouchos (2008), A corpo aberto (2008) e mais Contra todo isto (2018). Os seus traballos na prensa foron recoñecidos, entre outros, con premios coma o Puro de Cora (1989), o Fernández Latorre (1991), o Xulio Camba 2002, o Agustín Merello de Comunicación (2003) ou o Fernández del Riego (2009). Alén dos medios escritos, dirixiu na Televisión de Galicia o espazo Máis alá (1986-1987), de carácter cultural, e o concurso humorístico O mellor (1986-1987). 

No campo da narrativa debutou con Todo ben (1985), novela protagonizada polo seu alter ego, o xornalista Marcos Andrade. En 1989 acadou o Premio da Crítica Española con Un millón de vacas, conxunto de dezasete relatos que foi traducido a varios idiomas e que significou a súa proxección internacional. Tamén no xénero do relato breve cómpre incluír Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), premio da Crítica de Galicia; e Que me queres, amor? (1995), premio Torrente Ballester de 1995 e Premio Nacional de Narrativa 1996. O relato deste último libro "A lingua das bolboretas", situado na Galicia dos primeiros tempos da guerra civil, foi adaptado ao cine por José Luís Cuerda. Rivas fíxose ex aequo, con Rafael Azcona e José Luís Cuerda, co Goya ao mellor guión adaptado (2000). 

A súa novela O lapis do carpinteiro (1998) -premio da Crítica Española, Arcebispo San Clemente e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega- tamén chegou ao cine da man de Antón Reixa, e colleitou oito Premios María Casares (2002). A este título seguíronlle outros títulos como Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000), As chamadas perdidas (2002) e Contos de Nadal (2003). 

N’Os libros arden mal (2006) Rivas volveu á memoria histórica, un dos temas recorrentes na súa traxectoria como narrador. A novela, desde unha perspectiva coral e unha composición fragmentaria, aborda o impacto da guerra civil na Coruña. Mereceu numerosos premios, entre eles o Antón Losada Diéguez de Creación, o da Crítica de Galicia, o da Crítica Española. 

No 2010 publicou Todo é silencio, sobre o contrabando, levada ao cine novamente por Jose Luís Cuerda. Ao ano seguinte saíu do prelo O máis estraño. Contos reunidos, volume no que recolle toda a súa narrativa breve, e no 2012 As voces baixas. O último día de Terranova (2015) foi elixido na súa versión inglesa polo The New York Times entre os 99 títulos seleccionados do ano 2022. O seu último libro de narrativa publicado é Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018), que inspirou unha de televisión do mesmo nome. 

Malia ser recoñecido sobre todo como narrador, Manuel Rivas deuse a coñecer como poeta, xénero que nunca deixou de cultivar ao longo da súa carreira literaria. Membro do colectivo poético De amor e desamor, en 1977 acadou o premio de Poesía Nova O Facho co poema “Pra escarnho e mal dizer”, e en 1980 publicou o seu primeiro poemario, Libro de Entroido, ao que seguiron Anisia e outras sombras (1981, xunto con Xavier Seoane), Baladas nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1986), Ningún cisne (1989), Costa da morte blues (1995), A desaparición da neve (2009) e A boca da terra (2015). En 1996 deu ao prelo a antoloxía O pobo da noite e no 2003 a súa obra poética reunida: Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003). O seu último poemario O que fica fóra (2021) recibiu os premios Follas Novas e da Crítica de Galicia. 

Rivas cultivou ademais o xénero dramático n’O heroe (2005), levado á escena pola compañía Sarabela, e a literatura infantil e xuvenil en títulos como Bala perdida (1997), O sombreiro Chichiriteiro (2009), Milu (2010), O raposo e a mestra (2013) ou A nena lectora (2021). 

Alén do seu traballo como escritor, Manuel Rivas mantén un firme compromiso cívico coa recuperación da memoria histórica e o ecoloxismo, recoñecido cos premios da Fundación Luís Tilve, da Sección Belga de Amnistía Internacional, o Artemio Precioso, o Xarmenta de promoción do galego no Bierzo e mais o Premio Internazionale de Scritture in Lingua Madre de Ostana 2019. En decembro de 2022 recolleu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do Goberno de España. En outubro de 2024 foi distinguido co Premio Nacional das Letras Españolas.