Fr. Francisco Fidalgo de Araújo
Relixioso, biógrafo e historiador especializado en temas galegos, estivo destinado en Cuba, onde foi reitor do Seminario de Matanzas e formou parte da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia da Habana.
Colaborou de forma asidua co Boletín da Real Academia Galega, no que publicou numerosos artigos sobre cuestións históricas relacionadas con Galicia, reivindicando a orixe galega de figuras como Afonso III O Magno ou o erudito xesuíta Luís de Losada, a quen lle dedicou así mesmo unha extensa nota biográfica. Tamén nas páxinas do Boletín deu a coñecer esbozos biográficos de figuras relevantes e case esquecidas da cultura galega como o matemático Vicente Vázquez Queipo, os teólogos frei Tomás de Lemos e frei José de Jesús María Quiroga e comentou a obra Orensanos ilustres, do académico Benito Fernández Alonso. Noutro artigo outórgalle o mérito da vitoria na batalla de Seminara a Fernando de Andrade e ao seu exército composto, na meirande parte, por soldados galegos.
Afeccionado á literatura, escribiu o libro de poemas Mangas y capirotes (1900), foi amigo de Antonio Rey Soto durante a súa estadía en Cuba e é o autor do limiar do libro Vento mareiro, de Ramón Cabanillas, editado na Habana en 1915. No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense publicou o traballo “Escritores ascéticos y místicos de Galicia”, e estudou, así mesmo, a pegada da emigración galega en Cuba.
O seu discurso de ingreso da Real Academia Galega é un perfil biográfico do relixioso, teólogo e escritor ourensán dos séculos XVI e XVII, frei Francisco Fidalgo de Araújo. Con motivo do seu pasamento, José Fernández Gallego dedicoulle unha nota necrolóxica no Boletín da Real Academia Galega.