Académicos e académicas

José Trapero Pardo

José Trapero Pardo

Castro de Rei, Lugo, 1900 - Lugo, 1995

Castro de Ribeiras de Lea, Castro de Rei, 29 de setembro de 1900 – Lugo, 10 de outubro de 1995


Escritor e xornalista, desenvolveu a meirande parte da súa carreira nas páxinas do xornal lugués El Progreso, do que foi director e onde lle deu continuidade á saga dos “Pelúdez”. Afeccionado á historia de Lugo, foi publicando os seus traballos nesta materia en revistas como o Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo e Lvcvs. Foi cronista oficial de Lugo.


En 1914 ingresou no Seminario de Mondoñedo, onde realizou a os estudos dunha eclesiástica que abandonou en 1925 antes de se ordenar sacerdote. Tivo entre os seus profesores o gran latinista Francisco Fanego e, entre os seus amigos, o poeta e párroco  chairego Xosé Crecente Vega. Na cidade do Masma coñeceu tamén o faladoiro da barbería de Manoel Ledo Bermúdez "O Pallarego" e os persoeiros que alí paraban, como Aquilino Iglesia Alvariño, Chao Ledo, Xosé María Díaz Castro, Noriega Varela, Lence-Santar ou Francisco Fernández Del Riego. Tamén tratou, sendo este aínda un rapaz, a Álvaro Cunqueiro, de quen foi mestre particular. 


Da man do Pallarego, Xosé Trapero Pardo publica a súa primeira obra literaria, o poema épico El Mariscal Don Pedro Pardo de Cela. Leyenda acerca de su prisión y muerte (1925), sobre o proceso xudicial a este nobre galego que culminou na súa execución por orde dos Reis Católicos. Ao ano seguinte, sae do prelo o seu primeiro libro de poemas, Lóstregos e moxenas, de temática amorosa.


Nestas mesmas datas ven tamén a luz os seus primeiros traballos literarios en La Voz de Mondoñedo, unha das cabeceiras do vizoso panorama xornalístico mindoniense da época, e comeza a traballar como redactor xefe na revista católica Acción social e en Justicia, da mesma tendencia. Tamén colabora na cabeceira Renovación. En 1930 funda e dirixe a revista Vallibria, nome medieval de Mondoñedo, no que deron a coñecer os seus primeiros traballos literarios Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome e Francisco Fernández del Riego. 


Ese mesmo ano, Trapero trasládase a Lugo para dirixir o xornal católico La Voz de la Verdad. Nas páxinas desta cabeceira publica a novela por entregas en castelán La venganza de Salgado e a galega A Ponte do Porco: lexenda histórica, ambas aparecidas en 1931. No contexto da crise producida pola guerra civil, pecha o xornal La Voz de la Verdad pero continúan a súa actividade a imprenta e a libraría do mesmo nome, que pasan a ser propiedade do propio Trapero. 


En 1938 comeza a traballar en El Progreso, onde foi redactor xefe primeiro e logo director. Nas páxinas do xornal lucense, no que permaneceu deica a súa xubilación en 1972, deulle continuidade a Pelúdez, un célebre personaxe ficticio de orixe popular que todos os anos acode ás festas de San Froilán e que fora creado polo xornalista e avogado lugués Antonio de Cora en 1908. Trapero incrementou a familia de Pelúdez, cunha esposa e un fillo, e seguiu mantendo o mesmo ton humorístico nas súas crónicas e opinións. Colaborou, así mesmo, en medios radiofónicos, como Radio-Lugo e RNE, e coordinou o Heraldo de Vivero. Foi o presidente de honra da Asociación da Prensa de Lugo. 


Alén do seu traballo xornalístico, Trapero publicou numerosos ensaios sobre cuestións de índole histórica, artística e folclórica da provincia de Lugo, que foi dando a coñecer en medios como o Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo e o voceiro da deputación luguesa, Lvcvus, ou nas monografías Lugo y poblaciones próximas. Itinerarios turísticos (1978), Pintura mural de Galicia (1978), Cien años de vida local (1978) e Lugo: Antiguas fortalezas (1980). En 1983, con motivo do Día da Letras Galegas na honra do autor mindoniense, Xosé Trapero editou Manoel Leiras Pulpeiro: vida e obra.


Fillo predilecto de Castro de Rei e adoptivo de Mondoñedo, foi galardoado ex-aequo, canda o escritor portugués Pires de Lima, co primeiro premio dun certame literario celebrado en Lugo por un traballo sobre as semellanzas entre o cancioneiro galego e o portugués. Recibiu, así mesmo, o premio Otero Pedrayo (1991) e a Medalla Castelao (1994). 


Foi cronista oficial de Lugo, presidente do Padroado do Museo Provincial de Lugo e director do mesmo Museo, membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, vogal da sección luguesa da Asociación Española de Amigos de los Castillos, presidente da Comisión Provincial de Monumentos Históricos de Lugo, académico correspondente do Instituto Histórico do Minho e membro da Comisión de Arte Sacra de Sargadelos e O Cebreiro.


Membro correspondente da Real Academia Galega desde decembro de 1942 a proposta de Vázquez Seijas, Ángel del Castillo e Filgueira Valverde, foi elixido numerario en 1971 por iniciativa de Álvaro Cunqueiro Mora, Manuel Vázquez Seijas e Ánxel Fole Sánchez. No seu discurso de ingreso, Noriega entre os poetas do seu tempo, Trapero Pardo define a Antonio Noriega Varela como un poeta humanista da escola mindoniense que foi fondamente influído polos clásicos latinos como Ovidio, Horacio, Virxilio e Marcial, que coñecera no Seminario. Trapero salienta tamén o pouso de poetas portugueses como Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes, coñecidos durante a súa xeira de mestre en Calvos de Randín. A resposta, en nome da Academia, correspondeulle ao seu amigo Álvaro Cunqueiro.