Académicos e académicas

José Salgado Rodríguez

José Salgado Rodríguez

Caldas de Reis, Pontevedra, 1852 - 1916

Xornalista, arqueólogo, avogado e político, foi gobernador civil de Lugo, alcalde de Caldas de Reis e un dos membros fundadores da Real Academia Galega.

Principiou a carreira eclesiástica sen chegar a rematala e despois cursou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Foi membro, como os seus irmáns e o seu pai, do Partido Liberal, amigo persoal do seu dirixente, Práxedes Mateo Sagasta, e deputado provincial durante case todo o período da Restauración (1874-1923). En 1897 foi gobernador civil de Lugo e ocupou a alcaldía de Caldas de Reis de 1901 a 1903.

Membro da Sociedade de Arqueoloxía de Pontevedra, entregaba os seus achados –nomeadamente moedas e lápidas romanas, documentos en pergameo ou libros, pezas escultóricas e diversos útiles antigos – ao Museo de Pontevedra. Tamén ía facilitándolle ao seu promotor e director, o seu amigo persoal Casto Sampedro Folgar, cantigas e coplas populares que recollía na contorna de Caldas.

Dirixiu os xornais El Correo de Galicia e La Estrella Compostelana, ambos editados en Santiago de Compostela, e colaborou en La Ilustración Gallega y Asturiana, Album Literario, Almanaque Gallego e Revista Gallega e Fray Prudencio, promovida e dirixida polo seu irmán Laureano. Nesta cabeceira escribiron, entre outros, Murguía, Antonio López Ferreiro, Golpe Varela, Cabeza de León, Barcia Caballero, Lisardo Barreiro, Enrique Labarta Pose ou Vicente Carnota.

Recoñecido xurista, foi presidente da Academia de Xurisprudencia de Santiago de Compostela e mantivo unha estreita amizade co tamén académico Lisardo Rodríguez Barreiro.

Cultivou a poesía festiva en galego e en 1901 publicou un monográfico cos seus artigos sobre temas económicos e locais asinados co pseudónimo de Fray Prudencio chamados Paliques e situados á “veira do adro”, que tiñan como obxectivo contribuír á instrución das clases populares.