Académicos e académicas

José García Acuña

José García Acuña

Betanzos, A Coruña, 1873 - A Coruña, 1933

Polígrafo e diplomático, cultivou a novela, o artigo xornalístico e o ensaio. Partidario dun rexionalismo católico inspirado nas teses de Alfredo Brañas, defendeu nos seus escritos políticos a necesidade de avanzar cara a un modelo confederal como fórmula para superar o centralismo e o caciquismo, que sinalou como as principais doenzas do Estado español. Mantivo sempre unha estreita relación con Cuba e foi membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega da Habana.

Nado en Betanzos e irmán do xornalista Fernando García Acuña, cursou con brillantez Dereito en Santiago de Compostela e encamiñouse, desde moi novo, cara á carreira diplomática. Foi vicecónsul en Nova York, Chicago, Nova Orleáns e Porto Rico, cónsul en Panamá, La Guaira, Hendaia, Le Havre, Saint-Nazaire, Bombai e Veracruz, e delegado de España na Comisión Hispano-Mexicana de Reclamacións. O seu labor como diplomático foi recoñecido durante a guerra de independencia cubana, e polo seu traballo de mediación entre os partidarios do presidente mexicano Emilio Portes Gil e os do xeneral Álvaro Obregón, que resultou nun armisticio entre as partes litigantes.

Vencellado coa prensa desde moi cedo, foi redactor do xornal madrileño El Globo cando o dirixía Alfredo Vicenti e colaborou coas cabeceiras El Noroeste da Coruña, Diario de la Marina, da Habana; El Día Español e Excelsior de México e coas revistas culturais Blanco y Negro, La Esfera e Alfar.

José García Acuña foi un dos primeiros intelectuais que practicou unha achega sistemática ao nacionalismo político desde unha perspectiva totalizadora. O seu libro titulado, á maneira de Ganivet, Idearium regionalista: esquema sintético de la evolución regionalista ibérica (1925), premiado no certame da Semana Rexionalista de Santiago de Compostela de 1918 e con limiar de Antón Vilar Ponte, ofrece –desde unha perspectiva étnica, histórica, xeográfica, filolóxica, xurídica e psicolóxica– os rexionalismos ibéricos, incluíndo, en pé de igualdade, o castelán e o portugués co galego, o catalán, o vasco, o valenciano e o andaluz.

García Acuña emprega neste tratado numerosas fontes intelectuais para o estudo dos nacionalismos ibéricos, como Camões, Blas Infante, Valentí Almirall, Pérez Pujol, Antonio Maura, Juan Valera ou Aurelio Ribalta, e outras procedentes da filosofía do dereito e a socioloxía, como Montesquieu, Gustave Le Bon, Herbert Spencer, Alexis de Tocqueville ou a doutrina social da Igrexa derivada do Rerum Novarum de León XIII. O diplomático brigantino amosa a súa preferencia por un rexionalismo católico e conservador, que delata a influencia do pensamento de Alfredo Brañas, como fórmula para superar as doenzas políticas diagnosticadas no Estado español –como o centralismo borbónico, o caciquismo e o cesarismo– baixo a fórmula dun estado composto, confederado, a semellanza do suízo, o holandés ou o estadounidense.

Ao analizar o rexionalismo galego, García Acuña lamenta o seu escaso desenvolvemento teórico naquela altura e rexeita o emprego de teses étnicas, filolóxicas, históricas ou xurídicas para sustentalo, apostando por argumentos de tipo psicolóxico semellantes aos empregados por Valentí Almirall en Lo Catalanisme, libro no que postula unha diferenza de carácter entre cataláns e casteláns. Para Galicia defende a autoorganización do movemento agrarista partindo desde a unidade parroquial.

Outras achegas relevantes de García Acuña ao pensamento rexionalista foron artigos de prensa como “El problema regionalista de España” e traducións como a de El Regionalismo do sociólogo francés Jean Charles-Brun, prologado por Salvador Canals; e tamén do francés, Soberanía y libertad de Leon Duguit, cunha introdución da súa man na que analiza a evolución do rexionalismo no País Vasco, Cataluña e, sobre todo, Galicia.

Outros ensaios de tipo histórico e político son La doctrina de Drago y la doctrina de Monroe (1907) e Impresiones y antecedentes de la guerra hispano yanqui (1911). Así mesmo, publicou as novelas De vita et moribus: solaces literarios (1913) e La Mariñana (1923), de tipo costumista e ambientada nas Mariñas, o ensaio literario Larra y Ganivet (1908) e outros traballos sobre cuestións literarias, entre eles, un artigo sobre o labor poético de Murguía.

Foi membro da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, da de Belas Artes da Coruña, cabaleiro da Orde de Carlos III e membro da orde da Lexión de Honor.

Ingresou na Real Academia Galega en 1932 a proposta de Manuel Amor Meilán, Indalecio Varela Lenzano e José Vega y Blanco. No seu discurso de ingreso, titulado Conquista y evangelización de la Nueva Galicia, analizaba o papel do franciscano frei Martín da Coruña na evanxelización de Nueva Galicia, en México.