Académicos e académicas
José Baldomir Rodríguez
A Coruña, 1867 - 1947
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Narciso Correal, Manuel Banet Fontenla, Ramón Artaza y Malvárez e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey Trillo en nome de todos os recipiendarios e a quen constentou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás Fernández. José Baldomir formaba parte deste grupo de Académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
(A Coruña, 1867 - 1947). Considerado un dos máximos representantes da idade de ouro da melodía galega iniciada por Marcial del Adalid, foi recoñecido sobre todo polas súas composicións para canto e piano baseadas en textos de poetas galegos do Rexurdimento, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Salvador Golpe Varela. Defensor dunha concepción tradicionalista da música galega, con base no folclore popular, algunha das súas pezas, como “Maio longo” ou “Meus amores”, acadaron repercusión internacional.
Xosé Baldomir foi discípulo de Marcial Torres del Adalid, curmán do compositor coruñés Marcial del Adalid, quen deixou unha forte pegada na súa concepción da música clásica galega. Exerceu como director do Orfeón Brigantino e da Coral El Eco; das orquestras do Liceo Brigantino; da orquestra da sociedade de Bretón de los Herreros e dos coros e orquestra das Hijas de María. Foi mestre de solfexo para corais da Escola de Belas Artes da Coruña, centro que chegou a dirixir, e mais da aula de canto individual promovida pola Deputación da Coruña en 1904.
Gran publicista da música galega no exterior, en 1906 ofreceu un recital no Ateneo de Madrid no que colaboraron os escritores Álvarez Insua e Freire de Andrade, ademais do polígrafo Víctor Said Armesto e os cantantes Mazán e Taleuyo, que obtivo un gran recoñecemento. A partir dese momento, realizou viaxes por Portugal e Francia dando a coñecer as súas melodías sobre textos de poetas galegos, o que contribuíu a popularizalas entre un público máis amplo.
Autor prolífico, compuxo a ópera en dous pasos A Virxe do Cristal, sobre o texto de Curros adaptado por Cabanillas e a zarzuela Santos e meigas, con libreto de Linares Rivas, que acadou 137 representacións consecutivas. Foi autor tamén de máis de corenta melodías para voz e piano, algunhas delas, como “Meus amores” de Salvador Golpe e “Maio longo” de Rosalía, moi coñecidas no seu tempo. Sobre textos de Rosalía de Castro tamén musicou “Tal como as nubes”, “Caín tan baixo, tan baixo”, “Ti onte, mañán eu”, “Teño medo”, “Tristes campanas de Herbón”, “Quérome ire”, “Rico ou probe”, “Ando buscando meles e frescuras” ou “Pasade”. De Eduardo Pondal púxolles música aos poemas “Monte Branco” e “Ten o seu punto a rosa”; a partir de versos de Curros Enríquez compuxo “Como foy?”; de Ramón Cabanillas, “Camiño da Ermita”, “A roseira dos recordos”, “Camiño longo”, “Felicidá”, ou “Nosa plegaria”; e de Urbano González, “Carmela”. Cómpre salientar tamén as súas composicións relixiosas e as destinadas ao público infantil.
Como musicólogo, colaborou con Ramón de Arana na recolleita de temas tradicionais galegos para Cantos y bailes populares de España (1874), de José Inzenga e para Cancionero musical popular español (1922) de Felipe Pedrell. Publicou en medios como La Voz de Galicia e na La Ilustración Musical de Barcelona.
Membro da Academia Provincial de Belas Artes (1905) e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, ingresou na Real Academia Galega en 1941.