Académicos e académicas

Joaquín Freire de Andrade y Valverde

Joaquín Freire de Andrade y Valverde

A Coruña, 1882 - 1972
Data de ingreso
30/11/1956
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Leandro Carré Alvarellos e Francisco Vales Villamarín
Resposta pronunciada por
Leandro Carré Alvarellos

Profesor e xornalista especializado en cuestións relacionadas coa arte e a cultura galegas, foi o director do xornal coruñés El Orzán e presidente do Círculo de Artesáns.

Doutor en Filosofía e Letras, foi catedrático de Historia Contemporánea Española no Ateneo de Madrid, onde se ocupou do período que abrangue do reinado de Carlos III á independencia cubana. Máis tarde, foi profesor de Lingua e Literatura Española na Escola Superior de Pforzheim (Alemaña) e, grazas a unha bolsa da Xunta para a Ampliación de Estudos, fixo dúas estancias con fins académicos en Roma e Florencia.

De volta na Coruña, traballou como xornalista especializado en temas artísticos en El Orzán, xornal que chegou a dirixir, nun momento no que formaban parte da súa redacción xornalistas como José Pan de Soraluce, Alfredo Tella, Leandro Pita Romero, Manuel María Puga y Parga “Picadillo” ou Wenceslao Fernández Flórez. Conferenciante erudito, colaborou tamén noutros medios como a Revista del Ateneo, La Lectura e Radio Nacional de España. Traballou na Delegación de Información e Turismo e foi presidente da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, máis coñecida como o Círculo de Artesáns. Foi un convidado asiduo dos faladoiros literarios que organizaba Emilia Pardo Bazán no pazo de Meirás.

Freire de Andrade e Valverde foi proposto como membro correspondente da Real Academia Galega en 1907 por Manuel Lugrís, Andrés Martínez Salazar e Francisco Tettamancy; e como numerario en 1956 a iniciativa de Manuel Casás Fernández, Leandro Carré Alvarellos e Francisco Vales Villamarín.

O seu discurso de ingreso na institución, Manuel Linares Rivas, comediógrafo contemporáneo, comeza cunha extensa glosa biográfica do seu antecesor na mesma cadeira, o músico coruñés José Baldomir, na que salienta o maxisterio de Marcial del Adalid no compositor de Santos e meigas ou Meus amores. A seguir, pasa a analizar a vida e a obra do dramaturgo coruñés Manuel Linares Rivas (1867-1938), fillo do avogado e político conservador Aureliano Linares Rivas, a quen encadra, canda a Jacinto Benavente, no ronsel de Echegaray e Galdós no momento de eclosión da chamada Xeración do 98. Freire de Andrade presenta a Linares Rivas como un autor de vontade rexeneracionista nun ambiente dominado polo pesimismo de fin de século, con talento para o diálogo e o debuxo psicolóxico. Deulle resposta ao seu discurso en nome da Academia Leandro Carré Alvarellos.