Académicos e académicas
Francisco Tettamancy y Gastón
A Coruña, 1854 - 1921
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Escritor e historiador, defendía nos seus textos históricos e literarios unha concepción de Galicia como unha entidade histórica, política e culturalmente diferenciada. Discípulo de Manuel Murguía, publicou varios libros de poemas en galego nos que incorporou a épica celtista e analiozu o levantamento de Solís desde un punto de vista rexionalista.
Francisco Tettamancy emigrou moi novo á Arxentina, de onde regresou para exercer como administrativo na Deputación da Coruña. Con posterioridade, graduouse como profesor mercantil na Escola de Comercio da Coruña. A súa memoria de grado como docente nese centro, Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900), constitúe unha valiosa achega ao coñecemento da evolución económica da cidade herculina e das súas actividades portuarias.
Entre as súas contribucións historiográficas cómpre destacar ademais o seu estudo sobre o levantamento provincialista galego, La revolución gallega de 1846 (1908). Este movemento, liderado por Solís no militar e por Antolín Faraldo no ideolóxico, concíbeo Tettamancy como unha manifestación da vontade política do pobo galego en defensa das súas liberdades fronte ao estado centralista. O estudo histórico remata co relato da construción do monumento aos Mártires de Carral o 22 de maio de 1904 a iniciativa dunha comisión da que el mesmo formaba parte, canda outros membros da Liga Gallega. Como un complemento a esta obra, publicou Los mártires de Carral (1912), título no que expón o sumario orixinal da causa xudicial formada contra os participantes na revolución.
Tamén estudou en profundidade o desenvolvemento da Guerra de Independencia, con especial atención ao Batallón Literario de Santiago, formado por estudantes da minerva compostelá. Tratou este tema nos catro tomos de Batallón literario de Santiago: diario de campaña, (años 1808 al 1812) (1910, 1911, 1912 e 1913) –obra que lle valeu a concesión da cruz do Mérito militar– e nos tres de Britanos y galos: (páginas de la Guerra de la Independencia) : 1808-1809 (1910, 1911 e 1912).
Noutra serie traballos historiográficos mestura a erudición histórica e a análise arqueolóxica. Así, a monografía divulgativa La Torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920 e 1921) achega un estudo da evolución histórica deste monumento, desde a súa construción, planificada por Caio Sevio Lupo, deica a súa restauración máis coñecida, a dirixida por Giannini en 1791, baixo o reinado de Carlos III. A cuberta do volume é unha pintura de Luís Mosquera e as páxinas interiores inclúen fotografías de Ángel del Castillo e debuxos de Enrique Castillo Basoa. O libro tamén informa sobre a Escola de Torreiros de Faros inaugurada na Coruña para atender a Torre de Hércules e contén un anexo que inclúe un cancioneiro deste monumento.
La Torre del homenaje del castillo de Villalba (1912) é a separata dunha contribución, publicada inicialmente no Boletín da Real Academia Galega, na que informa sobre esta propiedade dos Andrade, derrubada no século XIV polos Irmandiños. No momento do seu pasamento, Tettamancy estaba traballando na obra Rianjo-Altamira, da que xa publicara varios capítulos.
Como poeta, Tettmancy deuse a coñecer con Enredadas (1902), un feixe de poemas de ton patriótico e vindicativo nos que denuncia a explotación do campesiñado galego, o centralismo e o andazo da emigración, entre outros temas. Rosalía de Castro, Murguía, Aurelio Aguirre, Andrés Martínez Salazar, Leandro Saralegui, Xoán Montes, Waldo Álvarez Insua, Florencio Vaamonde ou Manuel Lugrís Freire son algunhas das figuras ás que lles dedica unha poesía. Outras composicións obedecen ás esixencias da literatura de circunstancias, da que son mostra os versos dedicados a amigos e familiares.
O castro de Cañás (1902) é un longo poema histórico abundante en descricións situado nese castro do concello de Carral. Tettamancy emprega un tema tirado do celtismo, o do druidismo, que acompaña con comentarios eruditos en prosa no apéndice e varios fotogravados. Diego de Samboulo. Leenda histórica (1893), poema ambientado no século XV no mosteiro de Caaveiro, describe unha petición de graza dos monxes deste mosteiro a Pero de Andrade, señor de Pontedeume.
Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A epopeya irlandesa (1912) narra en douscentos versos e ton profético as predicións máis ben pesimistas sobre o futuro de Galicia no seu leito de morte dun druída galego, Boicentril, habitante dun castro. O libro inclúe, como era adoito no autor, extensos apéndices en prosa nos que introduce o lector na materia do celtismo e o druidismo. Completa este título a tradución ao galego do texto Les dieux celtiques á forme d’animaux, (Os dioses trocándose animales na literatura épica da Irlanda) de D’Arbois de Jubenville, que era, así mesmo, a versión francesa dunha epopea irlandesa.
Tettamancy tamén asinou unha ollada literaria en galego sobre Víctor Said Armesto (1917) no que expón, entre outros asuntos, o seu traballo sobre o tema do Don Juan. A súa produción inclúe ademais numerosas colaboracións en publicacións periódicas da época, como Revista Gallega, onde asinaba tanto co seu nome como con pseudónimo.
Canda o director desta publicación, Galo Salinas, e outros galeguistas asentados na Coruña, formou parte da Cova Céltica, faladoiro que tiña como punto encontro a Librería Regional, propiedade do seu curmán Uxío Carré Aldao. Tettamancy foi tamén vogal da Liga Gallega na Coruña, impulsor do monumento aos Mártires de Carral, e participou, como integrante das Irmandades da Fala, na asemblea nacionalista celebrada en Lugo en 1918.
Con motivo do centenario do seu nacemento, a Real Academia Galega rendeulle unha homenaxe na que se leron textos de Fermín Bouza Brey e Leandro Carré.
Foi membro fundador da Real Academia Galega, correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Respondeu, en nome da RAG, ao discurso de ingreso de Antonio Díez Sanjurjo.


