Académicos e académicas

Fernando Álvarez de Sotomayor

Fernando Álvarez de Sotomayor

A Coruña, 1875 - Madrid, 1960
Data de ingreso
03/09/1954
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya e Ángel del Castillo López

Ferrol, 25 de setembro de 1875 – Madrid, 20 de marzo de 1960

Pintor da Corte de Afonso XIII e director do Museo do Prado durante case tres décadas, practicou un realismo de raíz académica que, aplicado a temas tradicionais e costumistas galegos, contribuíu a codificalos e a dálos a coñecer internacionalmente. A súa intervención foi tamén decisiva para a creación do Museo de Belas Artes da Coruña en 1938.

Nado no seo dunha familia de tradición militar e aristocrática, con acceso ao mundo da arte e da cultura, amosou desde moi cedo unha clara aptitude para o debuxo. Cursou o bacharelato en Ferrol e Santiago de Compostela e, a finais do século XIX, trasladouse a Madrid para iniciar a súa formación artística na Escola de Belas Artes de San Fernando. Alí tivo como mestres a Luis Menéndez Pidal e Antonio Muñoz Degrain, representantes da escola española que tiñan como referente Velázquez, cos que perfeccionou especialmente a técnica do debuxo.

En 1899 obtivo unha bolsa para a Academia de Belas Artes de Roma, que lle permitiu coñecer de primeira man a pintura italiana e, nas súas viaxes, o impresionismo francés e a obra de Franz Hals en Holanda, decisiva na súa evolución estilística. De volta a Madrid, en 1904, acadou coa súa obra Los abuelos a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1906. Pouco despois, en 1907, pasou unha tempada en Galicia, onde rematou de consolidar a súa propia concepción artística. En 1908 obtivo a primeira medalla na Exposición Internacional de Barcelona, e nos anos seguintes conseguiu medallas de ouro en Múnic (1909), Buenos Aires e Liexa (1910).

En 1908 marchou a Santiago de Chile como profesor de cor e composición na escola de belas artes daquela cidade, institución que dirixiu a partir de 1911. Desde alí exerceu un maxisterio decisivo sobre a chamada Xeración de 1913 —tamén coñecida como Xeración do Centenario ou Xeración Sotomayor, en homenaxe ao seu labor docente.

En 1915 regresou definitivamente a España, tras ser nomeado pintor de cámara de Afonso XIII. En 1919 o monarca designouno subdirector do Museo do Prado, e en 1922 pasou a ser director, cargo que exerceu ata a proclamación da República en 1931. Compatibilizou esa responsabilidade coa dirección da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, onde tamén era profesor de pintura. Rematada a guerra civil, foi novamente nomeado director do Prado en 1939, e mantívose no posto ata o seu falecemento en 1960.

A súa pintura defínese por un realismo elegante e académico, influído por Velázquez, Franz Hals e a tradición española. Foi un retratista consumado, preciso no debuxo e cunha notable penetración psicolóxica, especialmente nos retratos da Corte, da aristocracia e das elites culturais e económicas do seu tempo.

Aínda que desenvolveu a maior parte da súa carreira fóra de Galicia, mantivo sempre un vínculo profundo coa súa terra. Pintou escenas costumistas e tradicións galegas —romarías, festas populares, traballos campesiños e mariñeiros, tipos populares como cegos ou feirantes— e paisaxes con soutos, carballeiras e rías, sempre coa presenza humana integrada. A súa aproximación a estes temas caracterízase por unha visión vital e idealizadora, e pola influencia dunha certa liberdade de pincelada e dun cromatismo máis vivo, herdeiros do impresionismo, que matizan o realismo dominante no conxunto da súa obra. Tamén cultivou temas relixiosos e mitolóxicos, resoltos co seu rigor académico característico.

Ademais do Prado, dirixiu a Academia Española de Belas Artes en Roma e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando. En Galicia, as súas xestións como delegado de Belas Artes foron decisivas para a creación do Museo de Belas Artes da Coruña en 1938, no edificio do Consulado Marítimo, que chegou a dirixir ese mesmo ano. Foi membro de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e correspondente de varias academias de Belas Artes (Galicia, Prusia, A Habana, Lisboa), e en 1954 foi elixido académico de honra da Real Academia Galega, por iniciativa de Manuel Casás, Alejandro Barreiro Noya e Ángel del Castillo López.