Académicos e académicas

Eugenio Montero Ríos

Eugenio Montero Ríos

Santiago de Compostela, 1832 - Madrid, 1914
Data de ingreso
15/09/1905
A proposta de
Xunta de Goberno

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 1832 — Madrid, 12 de maio de 1914

Xurista, catedrático de Dereito e político liberal, Eugenio Montero Ríos defendeu a separación Igrexa-Estado e a modernización administrativa. Tivo unha gran relevancia nos gobernos do Sexenio Liberal e Restauración borbónica, sendo ministro en varias ocasións e mesmo presidente do Consello de Ministros. En Galicia asentou un forte poder local durante décadas a través do caciquismo, o chamado “monterismo”. Foi nomeado académico de honra o 15 de setembro de 1905.

Nado en Santiago de Compostela no seo nunha familia da pequena burguesía profesional, o seu pai era notario e fixo os seus  primeiros estudos no Seminario, o que lle permitiu coñecer en profundidade as linguas clásicas e o dereito canónico. A seguir, abandonou a carreira eclesiástica para completar de xeito brillante os estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo amizade con personaxes coevos seus como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane ou Álvarez Bugallal. 

En 1858 doutorouse na Universidade Central de Madrid na especialidade, daquela novidosa, de economía política. Entre os seus mestres estiveron Manuel Colmeiro ou Joaquín Sanromá, e encamiñou os seus estudos cara ao dereito canónico e as relacións entre a Igrexa e o Estado, materias nas que acadou un gran prestixio. En 1859 gañou por oposición a cátedra de Disciplina Eclesiástica da Universidade de Oviedo, desde a que se trasladou, ao curso seguinte, á de Santiago de Compostela. A súa defensa do laicismo e da separación entre Igrexa e Estado axiña o converteron no referente do progresismo liberal en Galicia.

En 1864 regresa a Madrid, onde ocupa a cátedra de Dereito Canónico da Universidade Central e abre o seu famoso bufete de avogados. O estoupido da Gloriosa Revolución de 1868 e o abrente do Sexenio Democrático (1868–1874) danlle a oportunidade de entrar en política, primeiro desde as fileiras do Partido Liberal e despois desde o Radical. Nas súas alocucións nas Cortes defende a ampliación das liberdades públicas e a separación da Igrexa e o Estado. A colaboración de Riestra e de Sagasta fixeron de Pontevedra o seu feudo electoral inexpugnable. Formou parte, como ministro de Graza e Xustiza, dos gobernos de Prim e Ruíz Zorrilla, desde onde promoveu a Lei de matrimonio civil e do Rexistro Civil. Tamén modernizou o aparato xudicial mediante unha lei orgánica do poder xudicial que estivo en curso máis dun século. 
Coa caída de Amadeo de Saboia e a Restauración Borbónica de 1875, Montero Ríos vese expulsado da súa cátedra e afástase temporalmente da política parlamentaria. Nesta xeira, colabora coa Institución Libre de Enseñanza, preside o Ateneo de Madrid e céntrase no seu traballo como avogado, no que o seu bufete acada un gran prestixio. Canda el traballan, entre outros, o seu futuro xenro e pupilo político, Manuel García Prieto. Merca o pazo de Lourizán, preto de Pontevedra, que andado o tempo pasará a ser o símbolo do seu poder político.
 
En 1881 retorna á política parlamentaria nas fileiras do Partido Fusionista, máis tarde chamado Liberal, e liderado de Sagasta. A partir deste momento, Montero Ríos tórnase nunha figura chave do período da Restauración. Nomeado senador vitalicio, presidiu o Senado en cinco ocasións e formou parte do goberno en 1885, como ministro de Fomento, e 1892, como titular da carteira de Graza e Xustiza. Xa no século XX, volveu ser ministro de Fomento e presidente do Consello de Ministros (1905) e do Tribunal Supremo. Recoñecido pola súa grande astucia política, a súa mestura de idealismo e pragmatismo valeulle o alcume de o cuco de Lourizán. 

A pesar da súa presenza na política metropolitana, Montero Ríos mantivo sempre un estreito vencello coa política galega da época da Restauración. A súa residencia de Lourizán acabou sendo o centro de operacións do Partido Liberal en Galicia e da política caciquil que imperaba no chamado quendismo. Alí paraban alcaldes, xornalistas, avogados, deputados provinciais e familias burguesas e fidalgas de ideoloxía afín que lle permitiron tecer unha espesa rede de influencia social e electoral que recibiu o nome de “monterismo”. Dela formaban parte membros da súa familia, como os seus fillos e xenros, Eduardo Vicenti, García Prieto e Martínez Campos, e figuras que acadarían un relevo decisivo na sociedade galega, como Portela Valladares e Fernández Latorre.

Xacobino conspicuo, mantivo sempre posicións contrarias ao rexionalismo, quer ao catalán liderado por Cambó, quer ao galego nas versións de Manuel Murguía ou de Alfredo Brañas. Si lle prestou o seu apoio, pola contra, ao movemento agrario e antiforista en Galicia e tentou levar adiante leis redencionistas que nunca chegaron a aprobarse. 

Logo da súa morte en 1914, o monterismo promoveu a erección dunha estatua do seu líder na praza do Obradoiro santiaguesa, que foi trasladada a Mazarelos durante a ditadura de Primo de Rivera. Numerosas rúas nas principais cidades e vilas galegas levan o seu nome.