-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
- Comunicación
- Dicionarios
Académicos e académicas
Enrique Chao Espina
Viveiro, Lugo, 1908 - A Coruña, 1989
Data de ingreso
24/04/1954
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Sebastián Martínez-Risco y Macías
Polígrafo, profesor e relixioso, estudou, entre outros temas, a historia de Viveiro, a vida e a obra de Nicomedes Pastor Díaz e a relación entre o galego e o portugués. Foi cronista oficial da súa vila natal e mantivo unha presenza activa na prensa da época.
Cursou a carreira eclesiástica nos seminarios de Lugo e Mondoñedo e foi ordenado presbítero en 1931. Exerceu o sacerdocio primeiro como coadxutor de Xesús Crecente Veiga na parroquia de Cariño, ¬onde se implicou no ensino á comunidade mariñeira desde a confraría,¬ e logo na de Loiba. Nesta xeira, logo de obter o bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, cursou por libre a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza, e tras se licenciar traballou entre 1936 e 1945 como profesor interino nos institutos de Vilalba e Ferrol. En 1945 gañou por oposición a praza de profesor de literatura no Instituto de Puertollano e, dous anos máis tarde, acadou o traslado para A Coruña. Nesta cidade permaneceu deica a súa xubilación en 1978 como profesor do Instituto Feminino, actividade que complementou coa ensinanza do portugués na Escola de Comercio da mesma localidade.
Na súa extensa obra salientan os numerosos estudos e monografías relacionados con Viveiro, como Luis Trelles y Vicente Cociña. Dos vivarienses del siglo pasado (1946), Vivero a los cuatro vientos (1965), Libro y guía de Vivero (1976), Manuel Bujados, un artista vivariense olvidado (1978), La antigua muralla de Vivero y sus puertos (1981) ou Historia de Vivero (1986), así como ducias de artigos diseminados en diversos medios e o Boletín da Real Academia Galega.
Enrique Chao Espina foi tamén un especialista na vida e a obra do poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz. A el dedicoulle a súa tese de doutoramento, Pastor Díaz dentro del Romanticismo (1949), recoñecida co premio extraordinario, e outros traballos como La sirena del norte, de Pastor Díaz (1947).
Diplomado en Portugués pola Escola Oficial de Idiomas de Madrid en 1954, escribiu varios manuais de didáctica desta lingua, como Curso de Lengua Portuguesa. Primer curso (1936), Autores portugueses y apéndice sobre puntuación del portugués (1937) e Apuntes de Lengua Portuguesa. Nociones generales (1937) e outros libros nos que pescudou na relación entre Portugal e Galicia, o portugués e o galego, como Diferenças entre o vocabulario portugués e o galego (1972), Algumas diferenças entre o galego e o portugués (1973) e Da Galiza e Portugal (1976).
A historia de Galicia foi outro dos seus materiais predilectos. Tratouno en libros como De Galicia en el pasado siglo XIX (1971), con limiar de Otero Pedrayo, Cien años de Galicia (de 1850 a 1950) (1977) ou Los normandos en Galicia y otros temas medievales (1977).
A zooloxía galega, real e fantástica, partindo desde as obras de Feijóo e Cornide sobre todo, tratouna en volumes como Tres monstruos de los mares gallegos. Con otros temas marineros (1951), Introducción a la Historia de los peces de Cornide (1969-1970), La zoología y los animales en la obra del Padre Feijoo (1983) ou “Feijoo e Sarmiento encol da baleia”. Tamén se interesou pola etnografía e as lendas populares galegas, afondando nas rutas de peregrinación a Santo André de Teixido; as narracións orais sobre partidas de bandidos que percorrían o norte das provincias de Lugo e da Coruña; a xeografía e historia da comarca de Ortegal, nomeadamente, e as vilas de Cariño e Ortigueira, ou a historia da barba.
Os estudos biográficos sobre personaxes conterráneos seus, como Francisco Vales Villamarín, Federico Maciñeira ou Xulio Dávila, foron tamén parte da súa prolífica obra na que abunda a miscelánea, e na que prevalece un gusto especial pola anécdota, a curiosidade e o relato humorístico. A temática relixiosa mereceulle, así mesmo, unha especial atención, e foi a materia de estudo en obras como Introducción al estudio de la religión (1939), La Cruz y otros temas de religión (1961) ou El Pastor de Cariño, Jesús Crecente Vega (1969).
Foi un colaborador asiduo en xornais como El Progreso, El Correo Gallego, La Noche ou La Voz de Ortigueira con artigos de temática diversa que destacaban polo uso do humor, e que foron merecentes do Premio Pérez Lugín (1945) outorgado pola Asociación da Prensa da Coruña.
Como escritor, as súas creacións foron recoñecidas cos Premios Virgen del Carmen (1947, 1949 e 1951), o primeiro premio dos Xogos Florais de Viveiro na especialidade de romances en galego e o primeiro en prosa nos Xogos Florais do Cantábrico (1966). Publicou os libros Nuevo tría corda. Versos y prosas y traducciones en varias lenguas (1974) e Farrapos e farangullas (1978).
Enrique Chao Espina foi académico correspondente do Instituto de Coimbra, da Academia de Doutores de Madrid, do Instituto Arqueolóxico, Histórico e Etnográfico de Lisboa e membro do Padroado de Santo André de Teixido. En 1988 foi declarado fillo adoptivo do Concello de Ortigueira.
En 1989 a súa irmá, María Chao Espina, fíxolle doazón á Real Academia Galega da biblioteca persoal do escritor, composta por máis de dous mil cincocentos exemplares, cumprindo deste xeito coa súa vontade. Ingresou na RAG como membro de número o 24 de abril de 1954 a proposta de Manuel Casás Fernández, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos.