Académicos e académicas

Eduardo Moreiras Collazo

Eduardo Moreiras Collazo

Quiroga, Lugo, 1914 - Vigo, 1991
Data de ingreso
28/01/1978
A proposta de
Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro e Marino Dónega
Resposta pronunciada por
Francisco Fernández del Riego

Poeta, escritor, editor e tradutor, foi o promotor da revista literaria Mensajes de poesía (1948-1952) e membro destacado da chamada Xeración do 36. A súa poesía, elegante e contida, procura unha visión transcendente da paisaxe e da existencia. Colaborou en diversas publicacións culturais, como Grial, Dorna ou Nordés, dirixida pola poeta e académica Luz Pozo Garza.

Nado en Quiroga, completou os estudos medios no Instituto da Coruña e, logo de cursar estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, estableceuse en Vigo, onde permaneceu o resto da súa vida traballando como funcionario de Telégrafos e profeso de ensino privado.

Deuse a coñecer a través da revista Mensajes de Poesía, que el mesmo puxo en marcha e dirixiu entre 1948 e 1950, e que veu rematar co ermo cultural da Galicia de posguerra. Nas súas páxinas apareceron textos en galego e castelán de poetas contemporáneos, así como traducións de autores da literatura inglesa, francesa e portuguesa, adoito da man do propio Moreiras. A revista, que padeceu a censura, contaba con ilustracións de Cunqueiro, Maside e Cocteau, e coa colaboración, desde o primeiro momento, da poeta e académica Luz Pozo, con quen que o poeta había casar anos máis tarde.

De vontade integradora e sostida polos seus propios subscritores, no primeiro número da revista aparecían poemas de Luz Pozo, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Pura Vázquez, Julio Sigüenza e o propio Eduardo Moreiras. Nas seguintes edicións colaboraron tamén Vicente Aleixandre, Leopoldo de Luís, Carmen Conde, Alberti, Gerardo Diego, Juan Ramón Jiménez, Blas de Otero, Ángela Figuera Aymerich, Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo, Concha Zardoya, Rafael Morales, Susana March ou Emilio Álvarez Blázquez. A publicación tivo unha duración de once números e contou con dous monográficos, un dedicado a Blas de Otero e o outro a Carmen Conde, ademais dun número especial compilatorio.

Profundo coñecedor da literatura contemporánea, nomeadamente da portuguesa, Moreiras principiou a súa carreira literaria con libros en castelán como El bosque encantado 1946 – 1897 (1947), de prosa lírica; e os poemarios Éxtasis (1948) e Los oficios (1952). A partir d’A realidade esencial (1955) a súa poesía vira cara ao galego e inicia un camiño de comunicación transcendente co territorio e a sociedade galega, que prosegue en títulos como Paisaxe en rocha viva (1958) e Os nobres carreiros (1970), con ilustracións de Laxeiro. O pouso telúrico e místico da súa poesía, e o seu estilo esencial e concentrado convertérono de inmediato nun referente na literatura galega do seu tempo.

No eido da prosa, Follas de vagar. Xornal (1969-1970) (1972) recolle en forma de diario reflexións, lembranzas, relatos e pequenas catas biográficas que trazan unha panorámica da literatura galega na posguerra e reflexiona sobre a obra de autores como Otero Pedrayo, Stendhal, Cernuda ou Unamuno. En Primaveira no Lor (1974) narra unha viaxe a pé pola beira deste río da montaña luguesa inzada de pequenos relatos e retratos das súas xentes, e na que a paisaxe acada un protagonismo esencial. Fogo solto (1976) é un conxunto de cinco narracións breves que constitúen unha importante achega á prosa narrativa galega dos anos setenta. O libro dos mortos (1979), no que mestura prosa e verso, é un monólogo en catro partes dirixido á persoa amada coa que establece un diálogo a través dunha escrita coidada e barroca, con predominio da metáfora. No libro abundan os trazos de estilo e topos característicos deste autor: a noite, o lume, os cans, a paisaxe. O libro acadou o premio da Crítica de poesía galega do ano 1979.

No ámbito da tradución, verteu ao español e ao galego poemas de Paul Éluard e Elena Bono. Foi o responsable da edición da monografía Poesía (1979) de Manuel Antonio, cadrando co Día das Letras Galegas dedicado ao poeta rianxeiro.

Membro correspondente da RAG desde 1961 e numerario desde 1978. O seu discurso de ingreso na Academia dá comezo coa preceptiva homenaxe ao seu predecesor na mesma cadeira, o poeta modernista Victoriano Taibo, de quen salienta o seu firme compromiso coa liberdade de Galicia. A seguir, expón a súa concepción da poesía como revelación mística dunha realidade transcendente –sexa a do tempo, da paisaxe ou do amor– e vai Ilustrando a súa disertación con versos tirados de poetas como San Juan de la Cruz ou Luís Pimentel, Paul Éluard, Villon, Manrique, Cunqueiro, Pastor Díaz, Rosalía de Castro, Juan Ramón Jiménez, Cernuda ou a propia Luz Pozo Garza. A resposta, en nome da RAG, correspondeulle a Francisco Fernández del Riego.