Académicos e académicas

Camilo José Cela Truloc

Camilo José Cela Truloc

Padrón, A Coruña, 1916 - Madrid, 2002
Data de ingreso
26/01/1980
A proposta de
Xunta de Goberno
Título do discurso

Breves consideracións encol da lingua

Resposta pronunciada por
Domingo García-Sabell

Iria Flavia, Padrón, 11 de maio de 1916 — Madrid, 17 de xaneiro de 2002

Camilo José Cela Trulock foi un dos grandes renovadores da novela española do século XX, dono dunha lingua moi rica e persoal, que mestura o rexistro culto e o popular para describir, desde a sátira e o humor negro, unha realidade social representada a través da experimentación narrativa. Foi o gañador do Premio Cervantes e do Premio Nobel de Literatura, entre outros moitos recoñecementos.

Fillo de Camilo Cela Fernández, inspector de Aduanas, e de Camila Enmanuela Trulock Bertorini, que tiña orixes inglesas e italianas, a súa infancia transcorreu entre a casa familiar de Iria Flavia, Tui, Vigo e Cangas, a onde se trasladou o seu pai por motivos de traballo. Tivo contacto directo co galego oral e con representantes da nosa literatura, como Antonio Noriega Varela. Por parte materna, a súa antepasada, Maria Bertorini, é a persoa á que vai dedicado o célebre poema de Rosalía de Castro “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore”, publicado en Follas Novas

En 1925, debido a un novo destino laboral do seu pai, a familia Cela Trulock trasladouse a Madrid. En 1931 diagnosticáronlle tuberculose, enfermidade que obrigou a Camilo José Cela a permanecer internado por un longo período de tempo nun sanatorio de Guadarrama, estadía que aproveitou para ler de maneira intensiva os clásicos da literatura española. Despois iniciou na Universidade Central de Madrid a carreira de Medicina, que non chegou a rematar, e asistiu ás clases que impartía, na facultade de Filosofía e Letras, Pedro Salinas, quen alentou os seus primeiros traballos literarios. Tamén nesta etapa fixo amizade con intelectuais como Alonso Zamora Vicente, Julián Marías, María Zambrano e o poeta Miguel Hernández. Co estoupido da guerra civil española, Cela serviu no exército sublevado e, tras a guerra, traballou como censor para o novo réxime antes de se dedicar por completo á literatura.

Escritor prolífico, autor de máis de quince novelas, a súa carreira literaria comezou con La familia de Pascual Duarte (1942), considerada a obra inaugural do “tremendismo”. Narrada cun estilo cru e directo, Cela retrataba a violencia da posguerra española a través da figura dun matricida condenado a morte, e do contexto social de miseria e a violencia no que medrara. O libro obtivo un éxito inmediato, aínda que a súa segunda edición foi prohibida pola censura franquista. En 1944 casou con María del Rosario Conde, con quen tivo un fillo, Camilo José Cela Conde. 

Dous anos despois emprendeu unha viaxe pola bisbarra da Alcarria (Guadalajara) que inspirou o libro Viaje a la Alcarria (1948), un clásico da literatura de viaxes no que describe, cunha linguaxe poética e accesible, as paisaxes e as vidas da xente do campo cunha ollada antropolóxica. La colmena (1951) —publicada en Buenos Aires por mor da  censura franquista— é unha novela coral que retrata o ambiente gris e opresivo do Madrid da posguerra, que consagrou definitivamente a Cela como unha das voces máis orixinais da literatura española do seu tempo.
 
En 1954 trasladouse a Palma de Mallorca, onde residiu durante máis de dúas décadas e dirixiu a revista Papeles de Son Armadans (1956–1979), publicación literaria que reuniu autores de dentro e fóra de España, incluíndo nomes censurados polo réxime. En 1957 foi elixido membro da Real Academia Española. O seu discurso de ingreso versou sobre a obra literaria do pintor Solana. 

A  novela Mrs. Caldwell habla con su hijo (1953) constitúe un longo monólogo interior que dá voz a unha nai ante a morte do seu fillo e na que se mesturan o plano real e o onírico. La catira (1955), feita por encarga do ditador venezolano Pérez Jiménez, é un drama rural escrito nunha lingua inzada de modismos venezolanos. A experimental San Camilo 1936 (1969) describe, novamente a través do monólogo interior, as datas precedentes ao estoupido da guerra civil española. Na mesma liña cómpre situar Oficio de tinieblas 5 (1973), narración complexa e fragmentaria na que se mesturan recordos, citas, reflexións e escenas inconexas. Cristo versus Arizona (1988), escrita nunha única frase, explora, unha vez máis, os límites da literatura mediante unha reflexión sobre a violencia ambientada no far west norteamericano. 

As obras Mazurca para dos muertos (1983), La cruz de San Andrés (1994) e Madera de boj (1999), todas elas ambientadas en Galicia, son consideradas a súa triloxía galega. Nestas novelas, Cela retrata o país da súa infancia como un territorio ancestral, poboado de símbolos e mitos, nas que narra, respectivamente, a pegada da guerra civil na Galicia interior; o peso opresivo da relixión sobre as mulleres das cidades galegas e a presenza absoluta do mar nas xentes e na cultura da Costa da Morte. Ademais da referencia temática e espacial a Galicia, estas novelas están escritas nunha linguaxe densa e poética, con abundancia de galeguismos. 

Alén diso, Cela publicou numerosos artigos sobre Galicia e tres poemas en galego: “Romaxe da Historia Natural”, “Canzón pra unha muller aldraxada polo tempo” e “A unha rapariga garatuxeira” no número catorce da revista Papeles de Son Armadáns (1957). Escritor total, publicou tamén libros de viaxe e relatos breves, ensaios, teatro, poesía e  memorias, así como centos de artigos de prensa en cabeceiras como ABC, La Vanguardia ou Arriba

Designado en 1977 senador por designación real nas primeiras Cortes democráticas, foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Syracuse University (Nova York, EEUU), University of Birmingham (Reino Unido) e Tel Aviv University (Israel). 

Recibiu o premio de la Crítica de Narrativa Castellana (1943) por La familia de Pascual Duarte, o Premio Nacional de Literatura (1984) por Mazurca para dos muertos o Premio Príncipe de Asturias das Letras (1987) ao conxunto da súa obra literaria, o Premio Nobel de Literatura (1989), o Premio Planeta (1994) por La cruz de San Andrés e o Premio Cervantes (1995).

Foi escollido membro correspondente da Real Academia Galega en 1944 a proposta de Manuel Casás, Alejandro Barreiro e Ángel del Castillo, e honorario en 1979 a iniciativa da xunta de goberno. O acto de ingreso tivo lugar o 26 de xaneiro de 1980 e o seu discurso de recepción, “Breves consideracións encol da lingua”, publicouse no Boletín da Real Academia Galega. Domingo García-Sabell  foi o encargado de lle dar resposta en nome da Academia. O seu legado literario está depositado en Iria Flavia, na Fundación Camilo José Cela, que conserva máis de 30.000 volumes, manuscritos, cartas e fotografías.