Académicos e académicas

Benito Fernández Alonso
Entrimo, Ourense, 1848 - Ourense, 1922
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Político e historiador, especializouse no estudo da historia da cidade e a provincia de Ourense, con especial atención á pegada dos xudeus e ao legado da igrexa católica e as súas ordes relixiosas. Foi membro da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense e promotor do seu museo arqueolóxico e do seu Boletín, no que publicou abundantes artigos. Asiduo colaborador na prensa galega da época, foi cronista oficial da cidade de Ourense desde 1890. Foi membro fundador da Real Academia Galega.
Entre 1862 e 1867 estudou con brillantez no Seminario de Ourense latín, grego, humanidades e filosofía. Abandonou a carreira eclesiástica para dedicarse primeiro ao ensino en San Paio de Araúxo, na súa Limia natal, e logo ao comercio polo miúdo na cidade das Burgas.
Naquel momento Ourense vivía un período de efervescencia cultural, con nomes como os de Curros Enríquez, Filomena Dato, Paz Novoa, Antonio Rey Soto, Lamas Carvajal ou Marcelo Macías, e xornais como O Tío Marcos da Portela, El Miño, La Región, El Heraldo Gallego ou El Eco de Orense. Fernández Alonso integrouse no círculo liderado por Marcelo Macías, do que formaban parte tamén, primeiramente, Arturo Vázquez Núñez e Manuel Pereiro Rey, e máis adiante Julio Alonso Cuevillas, Cándido Cid , Manuel Martínez Sueiro ou Manuel Díez Sanjurjo. A este grupo débeselle a dinamización da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos e a posta en marcha de dúas iniciativas derivadas da mesma: o Museo Arqueolóxico (1896), do que foi conservador Benito Fernández Alonso entre 1906 e 1922; e o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense (1895), do que foi vogal.
Historiador erudito especializado nos estudos locais da provincia e a cidade de Ourense durante a Idade Media, os seus artigos foron aparecendo espallados na prensa ourensá, galega e galego-americana da época. Fernández Alonso rescataba neles actas e documentos diplomáticos medievais, e debullaba outros asuntos como a historia da igrexa ourensá e o legado xudeu na cidade, materia na que chegou a ser unha verdadeira autoridade. Entre os seus traballos históricos cómpre salientar El Río Limia y sus contornos (1879), “Disquisición histórico-geográfica de las regiones meridionales de Galicia” (1883); Guerra Hispano-Lusitana (1893) premiada nun certame da Coruña de 1890; Episodios Históricos del Municipio de Orense (1887); Armas de Orense (1891); Los judios en Orense (1904); El Pontificado gallego : su origen y vicisitudes : seguido de una crónica de los obispos de Orense (1897) ou Orensanos ilustres (1916), premiada nun certame da deputación provincial. Deixou incompleta a “Geografía de la provincia de Orense”, para a Geografía general del Reino de Galicia, traballo que completou Vicente Risco.
Na abondosa produción xornalística de Fernández Alonso salientan, ademais dos artigos de temática histórica, os de crítica de novidades historiográficas, os moralistas de tendencia católico-conservadora e os etnográfico-folclóricos, nos que describe ritos e lembranzas da súa infancia, moitas veces relacionadas con celebracións relixiosas. As súas pezas apareceron en medios como El Heraldo Gallego, Álbum Literario, Vida Gallega, La Voz de Galicia, Galicia Diplomática, El Miño, La Región, La Ilustración Gallega y Asturiana, Patria Gallega, Acción Gallega, Biblioteca de las Tradiciones Populares Españolas, Folklore Gallego, Boletín da Real Academia Galega, Galicia Emigrante, Suevia, Boletín Galicia Moderna, Follas Novas, La Tierra Gallega ou Eco de Galicia. Polo seu carácter reivindicativo, cómpre salientar “El dialecto gallego”, publicado en 1889 en revistas da diáspora. Foi autor do limiar do Romancero de la ciudad de Lugo de Aureliano J. Pereira (1892).
Político de tendencia conservadora, formou parte do Círculo Católico de Obreiros de Ourense, do que foi bibliotecario, e publicou artigos na prensa en defensa da doutrina social da Igrexa. Foi elixido tres veces concelleiro de Ourense, en 1883, 1889 e 1899. En 1904 e 1912 foi deputado provincial polo distrito do Barco-Viana.
Membro activo de múltiples sociedades culturais e sociais do seu Ourense coevo, foi presidente da Asociación de Prensa de Ourense (1918), do Orfeón da Unión Ourensá e membro da Xunta de Goberno da Escola Provincial de Artes e Oficios, da Xunta de Protección da Infancia e da Instrución Pública e do comité organizador do Congreso Galego-Americano de 1919.
Foi, así mesmo, membro correspondente da Real Academia de la Historia (1894), da Academia de Belas Artes e Ciencias da Historia de Toledo (1921) e da Academia de Boas Letras de Barcelona (1905). Formou ademais parte da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1899); foi xestor en Ourense da Sociedad de Folklore Gallego, inaugurada en 1884.