Académicos e académicas

Atanasio López Fernández

Atanasio López Fernández

Boñar, León, 1876 - Santiago de Compostela, 1944
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Narciso Correal y Freyre de Andrade, Manuel Banet Fontenla e Ramón de Artaza y Malvárez
Título do discurso

*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Atanasio López Fernández formaba parte deste grupo de académicos.

Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández

Relixioso e historiador especializado nos estudos eclesiásticos, nomeadamente nos referidos á orde franciscana, así como no americanismo e a misionoloxía. Foi autor tamén dunha abondosa produción relacionada con Galicia, entre a que salientan os seus estudos sobre a implantación da imprenta, aspectos de historia e literatura galega, Compostela e o Apóstolo ou as súas descricións de vilas e aldeas.

Atanasio López ingresou aos trece anos no convento franciscano de Santiago de Compostela e foi ordenado sacerdote en 1899. En 1905 trasladouse ao colexio da orde franciscana en Quaracchi (Florencia), onde participou na creación da revista Archivum Franscicanum Historicum, dedicada á edición crítica de textos medievais, e afondou nos seus coñecemento de paleografía medieval e da metodoloxía positivista. Colaborou na publicación da Summa Theologica de Alexandre de Hales e De Conformitate de Bartolomé de Pisa, e publicou Descriptio Codicum Franciscanorum Bibliothecae Riccardianae Florentinae. De regreso en Galicia, foi nomeado en 1908 cronista xeral da Provincia de Santiago, o que lle deu acceso aos arquivos e bibliotecas desta orde en Galicia, dos que foi un profundo coñecedor. Froito deste traballo foi a publicación do monográfico La provincia de España de los frailes menores (1915), que o situou entre os máis recoñecidos medievalistas relixiosos do seu tempo.

A partir de 1914 empezou a colaborar co Archivo Ibero-Americano: revista franciscana de estudios históricos, que dirixiu entre 1920 e 1931 e da que foi redactor durante toda a súa carreira investigadora. Nas súas páxinas foi publicando numerosos ensaios históricos sobre bibliografía franciscana, codicoloxía e historia de América e de Galicia. Atanasio López dirixira entre 1904 e 1905 El Eco Franciscano e foi dando a coñecer a súa vizosa creación científica en artigos espallados en xornais como El Heraldo de Villagarcía, Ultreya, Logos, Estudios franciscanos de Sarrià, Revista Franciscana de Vic, La Cruz de Madrid, Boletín da Comisión de Monumentos Históricos de Ourense e no Boletín da Real Academia Galega.

Entre os seus traballos de temática galega salientan os dedicados á historia da imprenta en Galicia: “La imprenta en Galicia en el siglo XVI” (1934), “La imprenta en Galicia en el siglo XV” (1935) e “La imprenta en Galicia en el siglo XVII” (1943), que foron publicados e ampliados no volume póstumo La Imprenta en Galicia: siglos XV-XVIII (1953).

O freire franciscano ocupouse tamén de cuestións relacionadas coa historia da lingua e da literatura galega en conferencias como “La literatura crítico-histórica y el trovador Juan Rodríguez de Cámara o del Padrón” (1918), “Origen, evolución y manifestaciones del idioma gallego hasta el siglo XV” (1919), “Los falsos cronicones en la Historia de Galicia” (1923) ou o artigo publicado no BRAG “Gallego y portugués. Observaciones sobre el codice gallego de la Legenda Aurea” (1916).

Analizou aspectos diversos da historiografía galega nunha serie de conferencias que foron publicadas na monografía Estudios crítico-históricos de Galicia (1916). Publicou, así mesmo, numerosos ensaios sobre a historia do franciscanismo galego, a pegada dos relixiosos galegos en América, a China ou o Xapón e a bibliografía do apóstolo Santiago, entre outros moitos temas. Parte das súas esculcas históricas de materia galega foron compiladas e editadas polo seu pupilo Lino Gómez Canedo logo do seu pasamento, no libro Nuevos estudios crítico-históricos acerca de Galicia (1947).

Alén da temática galega, foi un experto misionólogo que estudou a expansión das ordes relixiosas en América, a historia da Igrexa católica no norte de África ou a do franciscanismo español e o legado de San Boaventura, entre outros asuntos de carácter relixioso tratados no seu extenso labor intelectual.

Atanasio López presidiu en 1916 a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, con Xesús Carro como secretario, e foi membro correspondente da Real Academia da Historia e da Société des Américanistes de París, así como membro honorario do Institut für Missionswissenschaft de Münster e comendador da orde de Isabel a Católica. Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1916 a proposta de Juan Barcia Caballero, Salvador Cabeza de León e Pablo Pérez Constanti. En 1941 ingresou como numerario, canda outros dezanove académicos, nunha cerimonia que tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago. No acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da institución, o presidente, Manuel Casás.