Académicos e académicas

Arcadio López-Casanova

Arcadio López-Casanova

Lugo, 1942 - Valencia, 2022
Data de ingreso
09/11/2013
A proposta de
Luz Pozo Garza, Salvador García-Bodaño e Xosé Luís Méndez Ferrín
Resposta pronunciada por
Xesús Alonso Montero

Arcadio López Casanova (1942-2022) licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e completou a súa carreira académica cos títulos de doutor en Filoloxía, catedrático de Lingua e Literatura Española e profesor titular de Filoloxía Española na Universidade de Valencia.

Na cidade compostelá entrou en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo da época, como Ramón Piñeiro, e comezou a publicar os seus primeiros escritos en xornais como La Noche ou La Voz de Galicia e a gañar numerosos premios nos certames poéticos organizados durante os Xogos Minervais.

De volta na súa vila natal, traballou como docente no Colexio Fingoi, dirixido entón por Ricardo Carballo Calero, e publicou, en 1967, o libro Palabra de honor, que o converteu nun dos referentes da súa xeración poética. En 1968 trasladouse, por razóns profesionais, a Valencia, onde traballou como catedrático de lingua e literatura española no ensino medio ata 1986, cando gañou praza como profesor titular de Filoloxía Hispánica na Universidade de Valencia. En 1976 publicou o poemario Mesteres, considerado unha peza fundamental na renovación da linguaxe poética galega do seu tempo.

Alén do seu labor estritamente creativo, Arcadio López-Casanova foi, así mesmo, un recoñecido ensaísta no ámbito dos estudos literarios, con traballos centrados na análise da obra de autores como Luís Pimentel e Rosalía de Castro, e outros de carácter teórico como El análisis estilístico (1975) e El texto poético, de 1994.