Académicos e académicas

Ángel Amor Ruibal

Ángel Amor Ruibal

Barro, Pontevedra, 1869 - Santiago de Compostela, 1930
Data de ingreso
27/10/1905
A proposta de
Xunta de goberno

(Barro, Pontevedra, 1869 – Santiago de Compostela, 1930). Teólogo, filósofo, lingüista e especialista en dereito canónico. Erudito e políglota, as súas achegas no ámbito da lingüística e do pensamento constitúen un verdadeiro monumento teórico que non recibiu o recoñecemento merecido debido ao afastamento do autor dos círculos académicos coetáneos.

Procedente dunha familia campesiña acomodada, cursou a carreira eclesiástica no seminario conciliar de Santiago de Compostela entre 1879 e 1895 e ordenouse sacerdote en 1894. Pasou en Roma o curso 1895-1896 co obxectivo de ampliar os seus coñecementos das linguas orientais e alí mantivo unha relación conflitiva co tomismo imperante. Xa de volta en Santiago de Compostela, exerceu como catedrático de Teoloxía e Dereito Canónico ata a súa xubilación no seminario de Santiago de Compostela, onde foi titular en diversos períodos da cátedra de Linguas Orientais.

Como profesor da Universidade Pontificia compostelá, publicou os programas das materias de linguas bíblicas (1898); propedéutica teolóxica; dereito público eclesiástico e institucións do dereito canónico, os dous últimos en latín e editados en 1899. En 1903 acada por oposición o posto de cóengo da catedral e, máis adiante, outros cargos eclesiásticos como o de vicario xeral, provisor, gobernador eclesiástico ou xuíz sinodal. Rexeitou o episcopado para dedicarse por completo á docencia e ao estudo cunha frase lapidaria: “Coas mans enluvadas non se pode escribir”.

No ámbito da filosofía, estudou a influencia do platonismo e do aristotelismo no cristianismo en De platonismo et aristotelismo in evolutione dogmatum (1897); traduciu e comentou o libro de J. Pecci Doctrina de Santo Tomás acerca del influjo de Dios en las acciones de las criaturas y sobre la ciencia media (1900), sobre a presciencia e a cooperación divina e a súa relación coa liberdade humana. En 1914 publicou o primeiro tomo de Los problemas fundamentales de la filosofía y el dogma, dos que chegarían a editarse outros cinco en vida e catro máis, ata dez, logo do pasamento do seu autor. Obra ambiciosa e monumental, traducida a varios idiomas, nela Amor Ruibal propón, de novo, revisar a relación do cristianismo coas filosofías de Platón e Aristóteles, en contradición co escolasticismo imperante naquela altura na Igrexa. Neste tratado analiza tamén a relación entre coñecemento e realidade, e formula unha gnoseoloxía superadora do dualismo entre suxeito e obxecto a través do correlacionismo, A pesar das súas diferenzas coa doutrina filosófica da Igrexa do seu tempo, Amor Ruibal foi seleccionado en 1925 polo papa, canda outros dous teólogos, como membro da comisión para expoñer a doutrina patrística da mediación universal na orde da graza da Virxe María.

No campo das linguas, en 1900 traduce e publica a monografía de Paul Regnaud Principios generales de lingüística indoeuropea que conta cun estudo introdutorio da súa man titulado “Ciencia del Lenguaje”. Profundo coñecedor das linguas clásicas, como o hebreo, arameo, copto, grego, latín, árabe, ademais dalgunhas modernas como o inglés, o alemán e as latinas, o ámbito da lingüística comparada foi unha das súas grandes áreas de interese. Entre 1904 e 1905 publicou os dous tomos da súa obra de referencia nesta materia: Los problemas fundamentales de la filología comparada: su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas, traducida ao italiano, inglés e húngaro e considerada un dos ensaios máis relevantes sobre lingüística xeral dos publicados en lingua castelá. Neste libro, Amor Ruibal estuda a orixe, natureza e evolución dos diferentes idiomas empregando diversos enfoques metodolóxicos e anticipando, nas súas conclusións, algúns dos postulados do estruturalismo de Saussure.

No ámbito dos estudos galegos, interesouse por cuestións relacionadas coa etimoloxía e a toponimia en artigos como “Las peregrinaciones a Santiago. Los nombres de Libredón y Compostela”(1909); “Examen glotológico de las antiguas denominaciones de la Rua del Villar” (1918); “La lengua gallega y su léxico etimológico” (1927); “La cruz esvástica en Galicia. La cruz esvástica no es céltica” (1930). Escribiu, así mesmo, avisos de lectura sobre libros de autores galegos coevos seus, como a edición da Crónica Troyana pubicada por Martínez Salazar.

Amor Ruibal foi ademais un esclarecido canonista, materia da que era docente e sobre a que escribiu obras de referencia como Esponsales y matrimonio (1908); La amoción admnistrativa de los párrocos (1912); La bula española y sus privilegios según la reforma de Benedicto XV (1915) e Derecho penal de la Iglesia según el código canónico vigente (1918). O terceiro tomo desta última obra foi publicada co título de Censuras y penas canónicas.

Foi membro fundador da Real Academia Galega en 1905. Foi tamén membro da Academia das Ciencias Morais e Políticas e da Sociedade Xermana de Filoloxía Oriental.