Ao longo da súa historia, a Real Academia Galega foi ocupando diversas localizacións sempre dentro da cidade da Coruña. Podemos considerar a primeira delas o Salón de Actos da antiga Casa do Consulado, onde se celebrou a constitución da Academia o 4 de setembro de 1905, sendo elixidos Manuel Murguía, Presidente; Uxío Carré Aldao, Secretario e Xosé Pérez Ballesteros, Tesoureiro. Desde entón e ata xuño de 1906, os académicos reuníanse na casa particular de Xosé Pérez Ballesteros e na Librería Regional, propiedade de Uxío Carré Aldao, nunha sorte de continuación daquel faladoiro coñecido como Cova Céltica que tivera lugar na mesma libraría. Para a inauguración da institución, o 30 de setembro de 1906, escolleuse o salón de festas da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña e, a partir de entón, a Academia instalouse, entre mediados de 1906 e 1920, na que foi a súa primeira sede oficial, no número 38-1º da rúa Rego de Auga. Coa fundación das Irmandades da Fala en 1916, as dúas entidades compartiron sede. Por mor da súa crecente necesidade de espazo, a mediados de 1920 a Academia trasladouse ao edificio do Concello da Coruña, situado na Praza de María Pita. Este foi o seu domicilio máis duradeiro polo de agora, pois alí residiu durante 58 anos.
No ano 1978, a Academia emprendeu a súa última mudanza ata o número 11 da rúa Tabernas, onde se encontraba a antiga casa de Dona Emilia Pardo Bazán. En virtude do convenio asinado en 1956 coa súa herdeira, o actual edificio da Academia acolle tamén nas súas instalacións a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, así como o importante legado arquivístico e bibliográfico da insigne autora coruñesa que se acordara nomear, "polos seus indiscutibles méritos", Presidenta Honoraria da nosa institución en 1905. Ademais do citado Museo, na actual sede encóntranse os fondos da Biblioteca, da Hemeroteca e do Arquivo, así como a Secretaría, a Sala de Consulta e o Salón de Actos da Academia Galega.
A sede da rúa Tabernas conta cun total de 18 persoas traballando na atención ao público e no correcto funcionamento da Academia e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. O Salón de Actos da institución, situado na planta baixa, dispón de equipo de son, proxector de vídeo e posúe un aforo aproximado de 105 persoas. A Sala de Consulta, situada na planta terceira, dispón de conexión wifi e conta con capacidade para acoller ata 20 persoas que desexen investigar nos fondos da Biblioteca, da Hemeroteca ou do Arquivo.