Un libro de homenaxe a Elsa Gonçalves recolle unha escolma dos seus estudos de lírica trobadoresca

A Facultade de Letras da Universidade de Lisboa acollerá o xoves 19 de xaneiro a presentación do libro de homenaxe á profesora Elsa Gonçalves, unha edición ao coidado do académico Henrique Monteagudo, de João Dionísio e de Maria Ana Ramos. O volume, De Roma ata Lixboa. Estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses, recolle trinta traballos sobre lírica trobadoresca da investigadora portuguesa publicados entre 1976 e 2016.

O libro foi editado pola Real Academia Galega en colaboración coa Universidade de Lisboa, a través da Facultade de Letras -na que Elsa Gonçalves foi profesora de Literatura Medieval- e o Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa. A presentación terá lugar ás 17:30 horas (horario luso) nun acto no que intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o decano da Facultade, Paulo Farmhouse Alberto; e Henrique Monteagudo.

Xesús Alonso Montero salienta que o labor de Elsa Gonçalves "é un compromiso fondo cos verdadeiros autores". Os estudos reunidos nesta colectánea, engade, son moi representantivos das súas investigacións: "representativos do rigor, que é constante; representativos dos temas e autores máis frecuentados, e representativos das incursións filolóxicas nas que a autora nos ofrece máis achegas e máis novidades".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete