O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o de PuntoGal, o tamén académico Manuel González González, entregáronlles os galardóns ás persoas premiadas canda Darío Janeiro, director xeral e membro de PuntoGal; e Silvia López, en representación da revista Luzes, na que se publicarán os relatos premiados e mais os finalistas. O acto celebrouse na Fundación Luis Seoane.
“Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. Da historia desta profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.
O segundo premio de persoas adultas foi para Luca Chao, que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta con “Esperanza”, un relato no que se reflexiona sobre a guerra sen mencionala. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final. Luca Chao é doutora en Ciencias Sociais e autora de Feminismo en cen palabras (Galaxia, 2023).
O xurado da modalidade de persoas adultas, composto polos presidentes da Real Academia Galega e PuntoGal, a académica correspondente Olga Castro, Darío Janeiro e e a escritora Antía Yáñez elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira. Do primeiro o xurado destacou a capacidade de non normalizar a guerra e do segundo, o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.
Modalidade xuvenil
O académico de número Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans integraron o xurado das modalidades xuvenil e infantil. Na categoría dos 12 aos 17 anos, á que concorreron 325 contos, o primeiro premio foi para o relato titulado “Escoitouse o silencio” de Jacobo Pérez Criado. Este drama de 74 palabras, que transcorre no mar, valeulle un novo premio literario a este alumno do Colexio Internacional Eirís, que se suma ao que acadou no ano 2022 no certame de narrativa para alumnado da ESO e bacharelato co nome de Ana Frank. Jacobo é ademais representante galego na fase estatal do programa de debate Modelo de Parlamento Europeo.
A luguesa Mencía Ferreiro García, estudante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, foi recoñecida co segundo premio xuvenil con “Piii... piii... piii”, outra perturbadora historia que comparte coa primeira a morte como tema. Apaixonada da lectura, Mencía conta que lle gusta ademais tocar o tamboril e xogar ao bádminton.
Carla Coucheiro Rodríguez, alumna do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, gañou o terceiro premio xuvenil con “Inocencia”, un desgarrador relato que en tan só 54 palabras mergulla o lector na visión dun neno que medra nun fogar marcado pola violencia de xénero. “Dende nena fun escribindo contos e historias, e sempre busquei debuxar, ler e escribir”, explica.
O xurado elixiu ademais dous textos xuvenís como finalistas. Un é “Sempre”, unha denuncia das relacións marcadas pola violencia, de tan só 68 palabras, escrita por Paula García Villar. Alumna de 4º da ESO no CPI de Vedra, foi tamén finalista na pasada edición deste concurso con outra narración e gañou outros certames de microrrelatos promovidos polo seu colexio ou a Asociación San Campio. O outro relato finalista é “Respostas”, unha narración sobre a dureza da autopercepción presentada por Brais González Vázquez, alumno do 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar. O mozo confesa que adoita escribir sobre todo no verán, aínda que a maioría das historias non chega a rematalas. “Por iso non me presentei a moitos concursos ao longo da miña vida”, comenta. Este é o seu segundo recoñecemento literario tras o segundo posto acadado nun certame da súa escola polo Samaín.
Infantil
A morte está tamén presente en “Un día misterioso”, unha desacougante experiencia dun cativo chamado Pedro coa que Martina Boo Álvarez, alumna de 6º de primaria do CEIP Torrente Ballester de Sigrás, foi distinguida co primeiro premio para persoas de ata 11 anos de idade. Veciña de Cambre pero con raíces en Verín, conta que sempre lle gustou escribir, goza ademais debuxando e é unha apaixonada do deporte: compite en patinaxe artística, baloncesto e atletismo. “En 3º tiven a idea de escribir un libro e, coa axuda da miña mestra, fun escribindo as primeiras páxinas”, lembra. O concurso da RAG e PuntoGal é o primeiro ao que concorre. “Seguro que a partir de agora me presentarei a máis”, recoñece.
Outra escritora precoz é Mariña Abollo Aneiros, gañadora do segundo premio infantil con “O niño da palmeira”, unha narración chea de tenrura sobre os coidados que lle dá unha familia a tres paxariños que perderon o aniñadoiro. Alumna de 6º de primaria do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, é ademais a autora doutro relato elixido finalista, “Ola, chámome Aysha”, no que se mete na pel dunha nena de Gaza en pleno conflito bélico. Este dobre recoñecemento non é o primeiro que colleita. “Cando tiña cinco anos, gañei un concurso de literatura e debuxo do Concello de Santiago. Fíxome moita ilusión porque me entregaron o premio os Reis Magos”, rememora Mariña, que adoita escribir relatos nun caderno que ten na casa e sinala a lectura como a súa maior afección.
Entusiasta da lectura declárase igualmente Xoel Villar Castro. Este veciño da parroquia de Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño, é o gañador do terceiro premio na modalidade infantil con “Traballo a tempo completo”, de 59 palabras. A súa é unha historia inspirada na súa relación coa irmá pequena, de cinco anos, e que o o tolea, apunta. Alén dos libros, Xoel conta que lle encanta xogar aos videoxogos e practicar deporte, sobre todo a escalada.
O microrrelato máis breve seleccionado polo xurado titúlase “A última mirada”, de tan só 14 palabras. Sinalado como finalista na modalidade infantil, o seu autor é Pedro Novais Méndez, veciño de Santiago de Compostela e alumno do CPR Vilas Alborada. Tras se presentar a outras edicións deste concurso, desta volta conseguiu situar a súa narración entre as mellor valoradas polo xurado.