Da vixencia do seu legado dan conta as persoas do mundo das letras de distintas idades que foron convidadas a participar na homenaxe. Desde Tamara Andrés, Ismael Ramos (ambos nados nos 90) ata Xosé Manuel Beiras -amigo e compañeiro da chamada Xeración da Noite, recordou- e a académica Luz Pozo Garza. Carlos Negro, Ánxeles Penas, Ánxela G. Abalo, Gustavo Pernas, a académica Margarita Ledo e os académicos Xosé Luís Franco Grande e Euloxio R. Ruibal tamén escolleron e comentaron desde versos de Do sulco -o seu primeiro poemario, publicado en 1957- e un fragmento da peza teatral A outra banda do Iberr (gañadora do Premio Castelao en 1966) ata poemas de Estacións ao mar (Premio da crítica española en 1981) e Tempo de ría (1992). O texto escolmado por Berta Dávila, que non puido acudir ao acto, foi lido pola vicepresidenta da Deputación da Coruña e académica correspondente Goretti Sanmartín.
Na parte musical, Guadi Galego, acompañada de Guillerme Fernández, interpretou dous temas propios e converteu en cancións os poemas de Xohana Torres "Nai " e "Penélope", a súa particular revisión do mito clásico desde a ollada feminina que conclúe co emblemático verso que lle deu tamén nome ao seu discurso de ingreso na RAG, Eu tamén navegar, hoxe convertido en berro colectivo de emancipación.
Palabras de Xohana Torres que retratan a quen, nas súas propias palabras, foi "dona dos mapas" e "irreverencia nos campos de verán", lembrou Marilar Aleixandre. A académica coordinou a publicación Xohana Torres. Natureza de illa, que recolle os textos da homenaxe homónima que tamén conduciu. Unha celebración na que a poeta e académica electa Ana Romaní foi a encargada da loanza da homenaxeada, mentres que o director da Sección de Literatura da RAG, Xesús Alonso Montero, recordou o seu primeiro encontro con ela, no ano 1957, cando escoitou a Xohana Torres na clausura do ciclo de conferencias no que por primeira vez un grupo de xente moza se definía ante a opinión pública desde Galicia, implicitamente, como antifranquista e galeguista.
Un pioneira que deixou pegada no futuro
Cando en 1963 se celebrou o primeiro Día das Letras Galegas na Universidade de Santiago de Compostela, alí estaba Xohana Torres, xunto a outros tres novos poetas: Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño. Daquela ela era xa "unha das voces máis admiradas do seu tempo" e, igual que a celebración das Letras, "a consideración da súa obra medrou cos anos ata converterse nunha referencia obrigada non só da literatura galega contemporánea, senón, sobre todo, para as novas xeracións", salientou o presidente da RAG na presentación da homenaxe. Víctor F. Freixanes detívose nunha das súas obras, Adiós, María (1971), e na impresión que lle causou a lectura dunha novela que supuxo un salto cualitativo na narrativa galega do momento.
Ana Romaní evocou a lectura persoal doutra obra de Xohana Torres para trazar un percorrido polas paisaxes vitais da autora, desde o seu Ferrol natal, o seu Lorref literario, e as ribeiras do Avia nas que aprendeu a lingua xunto á súa avoa Lola ata a Compostela universitaria. A poeta e académica electa trasladou o público ata outro 17 de maio, o de 1981, cando mercou un exemplar de Estacións ao mar. Nesas páxinas enraizou e perviviu unha folla de menta, nutríndose, entre outros versos, das "Elexías a Lola" dedicadas á súa avoa, independizadas e ampliadas no derradeiro libro publicado en vida pola autora (2016). "Aínda hoxe non sei como pode ulir a menta durante 37 anos e estar intacta a planta, Lorref, a patria, as paisaxes que por dentro nos baten. Iso teñen algúns libros, algúns poemas, algunhas poetas, dannos unha casa para habitar, para que arraiguen as plantas que nos acompañan", expresou.
Evocou tamén Ana Romaní aquel primeiro Día das Letras Galegas dedicado a Rosalía de Castro, cando Xohana Torres "xa publicara un libro, xa fixera radio, tamén entrevistas e declaracións: Poetas son aquiles que senten unha verdade e sábena dicir". Cando chegou aquela primavera xa colaborara igualmente co Teatro Estudio de Ferrol, e un par de anos despois dirixiría o primeiro programa radiofónico feito en lingua galega desde Galicia tras a guerra civil, proseguiu. A encargada da loanza continuou co percorrido literario da homenaxeada, desde a peza teatral A outra banda do Íberr (1965), Polo mar van as sardiñas, primeiro conto infantil dos anos 60 orixinariamente escrito en galego, e Adiós, María, Premio Galicia en 1970, ata Tempo de ría (1992). Tampouco esqueceu o momento do abandono premeditado da escena pública de Xohana Torres, un mutis que foi "fascinante desafío": "Esa magnífica distancia de Xohana Torres a contradicir as máximas nas que o presente literario abastece estratexias, determina pautas: ser fóra da tribuna, da rede, da pantalla é un imposible. Ela faino".
O director da Sección de Literatura da RAG, Xesús Alonso Montero, volveu levar o auditorio á Compostela universitaria de Xohana Torres, ata o día de 1957, a hora e o escenario exactos en que a coñeceu. A poeta interveu, no Círculo Mercantil, na clausura do ciclo Homenaxe á poesía galega, "un acontecemento histórico nos anais da cultura galega de posguerra" no que participaron dez voces novas. "Entre aquelas voces só unha era de muller, unha voz potente na sensibilidade, persuasiva por intelixente e delicada e confortante por consciente da súa función", expresou o académico. Alí recitou, entre outros versos propios e de colegas, "Rosalía". Meses despois aparecería no seu primeiro libro, Do sulco.