Xohana Torres, filla predilecta do Concello de Santiago

O Concello de Santiago distinguiu onte como filla predilecta a título póstumo a escritora Xohana Torres, falecida en setembro de 2017. A autora, membro da Real Academia Galega, naceu en 1931 nesta cidade, onde regresou nos anos de mocidade para estudar a carreira de Filosofía e Letras. Esta non é a primeira homenaxe que lle rende Compostela á escritora, xa que a Casa das Mulleres leva o seu nome desde a súa apertura meses despois do seu pasamento.

Andrea Ellacuría, filla de Xohana Torres, recolleu a distinción concedida á académica. Fonte: Concello de Santiago


A filla de Xohana Torres, Andrea Ellacuría, recolleu a distinción nunha celebración no Auditorio de Galicia na que tamén se homenaxeou postumamente aos que foran integrantes de Voces Ceibes Benedicto García e Bibiano Morón, nomeados fillos predilectos; a Ánxel Casal, recoñecido como alcalde de honra; e ao poeta Federico García Lorca e á escritora Begoña Caamaño, filla e fillo adoptivos de Santiago. Desde onte, a escritora e xornalista dálle ademais nome ao parque de Fontiñas.

O alcalde Martiño Noriega salientou os recoñecementos a Xohana Torres e Begoña Caamaño, "mulleres que nos lembran, hoxe máis ca nunca, que as políticas de igualdade e os consensos conquistados nos últimos anos son conquistas colectivas nas que non podemos retroceder un milímetro".