LG_2021

María Xesús Nogueira

“Xela Arias rompeu co discurso dominante. Fixo poesía urbana e quixo levala á rúa”

María Xesús Nogueira

Xela Arias (1962 -2003) é unha poeta de culto entre poetas, unha icona, pero chegou un momento en que atopar a súa obra non era doado. María Xesús Nogueira levouna de volta ás librarías en 2018 coa edición de Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), un volume que xunta os catro libros que a autora publicou en vida e mais sesenta e dous poemas aparecidos en revistas e obras colectivas. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria agarda que o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica este ano contribúa a que a autora sexa “lida, sobre todo polo lectorado máis novo, e tamén coñecida como intelectual e traballadora da cultura do seu tempo”. Nesta entrevista fala da súa voz poética, “rebelde e rupturista”, coa que abriu, seguindo un camiño propio, novos vieiros para as letras galegas.

Dicir que unha voz poética é singular pode soar a tópico. Por que a de Xela Arias o é? Que fai diferente a súa poesía da escrita por outros autores do seu tempo que tamén contribuíron a anovar as letras galegas?
Ela mesma sentiu orfandade xeracional, manifestouna en moitas ocasións. Coido que o que marcou a súa poesía foi, por unha banda, o afán de innovación, de ruptura con boa parte da tradición que a precedía; e por outra a vontade de seguir un camiño propio, á marxe doutros vieiros que xa existían. Xela Arias mantivo distancia a respecto da estética dominante dos anos 80, non foi explicitamente culturalista, non elaborou un discurso retórico conforme aos canons do momento. Creo que todo iso fíxoa sentir entre dúas xeracións, por iso é tan difícil situala na historiografía.

Que vieiros abriu seguindo o seu propio camiño? Adiantou o que sería máis común nas décadas seguintes?
Penso que si. Estaba a facer unha poesía urbana xa desde os primeiros poemas que publicou en revistas e fanzines a comezos dos anos 80, algo que era bastante infrecuente no momento. Abriu camiños temáticos e tamén formais, rompendo, como dicía, o discurso dominante. E sobre todo adiantouse en actitudes. Quixo levar a poesía á rúa, quitala do sillón do lector, en palabras textuais dela, mediante recitais e outras intervencións. Xela Arias anticipa a poesía, as actitudes e as consignas das xeracións dos anos 90.

Foi, daquela, unha poeta do seu tempo, da xeración que xa medrou nos barrios populares das cidades en expansión dos anos 60 e 70.
E logo os anos 80, os do Vigo da movida –sobre a que ela se mostrou un tanto crítica como movemento–, e tamén uns anos moi intensos no social, no cultural e no político. 

Estamos a falar dun tempo de moitas protestas obreiras...
De protestas dos traballadores, contra a entrada na OTAN... Xela estivo aí, a pé de rúa, poñendo o verso ao servizo de causas diversas. E iso, de novo, conéctaa cunha visión da poesía moi actual.

Que lle renxía da movida viguesa?
Ela entendía que era un movemento un tanto artificial, talvez mimético doutra movida (pola madrileña). Neses anos ela estaba a buscar o camiño propio como creadora do que falabamos, non tan arroupado por unha corrente.

Aprecia, en calquera caso, trazos ou influencias na súa obra de autores e autoras doutras realidades culturais?
A diferenza dos poetas da súa xeración biolóxica, Xela Arias non facía demasiado explícitos os seus vínculos literarios. Non hai demasiadas citas na súa poesía, quitando talvez o primeiro libro, Denuncia do equilibrio (1986); pero si vexo, máis que influencia, confluencia con algunhas escrituras de xénero que abordaron cuestións como a maternidade ou o corpo. É un momento en que Xela Arias se sitúa nunha órbita que transcende o seu propio contexto poético. 

Tense dito que Xela Arias é unha poeta de culto entre poetas e, ao mesmo tempo, pouco coñecida.
Produciuse un paradoxo. Por unha banda existe ese recoñecemento, pero Xela Arias tamén sufriu certa exclusión do canon. Hai unha reivindicación explícita de Xela Arias, moitas veces case como icona, como poeta de culto, sobre todo por parte das voces da poesía e das lectoras máis novas. Creo que a súa actitude rebelde e rupturista, e talvez a súa circunstancia biográfica, influíron na creación desta icona; mais tamén o seu esquecemento, porque foi esquecida precisamente pola difícil adscrición. Houbo un momento en que a súa obra estaba practicamente descatalogada, non era accesible máis alá das bibliotecas e das coleccións privadas, chegou a circular case dunha maneira alternativa, en fotocopias e a través da Rede. 

As Letras Galegas na súa honra deberían ser unha oportunidade para que se integre no canon como merece.
Agardo que si, sempre é un obxectivo que está detrás da celebración do Día das Letras Galegas. Agardo sobre todo que sexa lida e coñecida, especialmente por parte do lectorado máis novo. Que sexa lida e coñecida como intelectual e como traballadora da cultura do seu tempo. É dicir, que sexa coñecida nas moitas facetas que desenvolveu, todas elas coido que moi modernas.

Tamén dende a perspectiva da década dos 20 do século XXI?
Xela Arias é unha das voces máis modernas, máis actuais, máis vixentes da poesía galega.

Que evolución se produce na súa poesía desde os comezos ata o derradeiro poemario, Intempériome?
Unha das descubertas persoais que fixen en Poesía reunida non foi só ler a poesía de Xela Arias no seu conxunto senón recuperar os textos que comezou a publicar en revistas como Tintimán e Dorna, ou fanzines como Katarsis, a partir de 1982, o ano do que son os primeiros textos que localicei. Aí, aínda que é unha voz nova, xa aparece unha Xela cunha clarísima vocación urbana e experimentadora, rupturista. Penso que xa estaba aí un xermolo da súa simboloxía tan singular, porque Xela crea un tecido simbólico insólito na poesía do momento.Anos despois, en 1986, chega o seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. É un libro rupturista en todos os sentidos, diferente xa no propio formato: é un volume cadrado que combina a poesía e a ilustración, deseñado e ilustrado polo pintor e amigo Xosé Guillermo. Nel vai radicalizando a forma de expresión, tamén a temática. O discurso poético ténsase, tamén a sintaxe coas súas tan características colocacións pronominais, e vai inserindo neoloxismos a partir desas pronominalizacións.

Con Tigres coma cabalos (1990) dá un paso máis no diálogo con outras formas de expresión.
Tigres coma cabalos foi tamén un libro moi innovador, nesta ocasión facendo dialogar a súa poesía coas fotografías de Xulio Gil. No seu momento creo que foi un libro bastante mal entendido. Leuse máis á sombra das poéticas eróticas que estaban xurdindo que á sombra dun verdadeiro diálogo de fotografía e texto, que era o que os autores pretendían. Ela manifestou en moitas ocasións o seu desgusto por esa recepción tan nesgada que mostraba aínda moitos prexuízos detrás do que para ela era o acto de mostrar o seu corpo espido.

Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, tampouco é un libro máis. Constitúe un excelente exemplo desa escritura de xénero que comentaba.
Supuxo unha innovación na escritura da maternidade, abordouna desde a cotiandade, desde a experiencia “imposible de transferir”, e rompendo toda unha tradición idealizadora. Pero o seu libro máis radical coido que é Intempériome (2003), xa desde o seu propio título. O seu último libro está atravesado pola perspectiva de xénero dunha maneira moi clara.