Visita de Gilvan Müller de Oliveira

O director do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa visitou a Academia co fin de afondar no coñecemento mutuo entre as dúas institucións, e de explorar futuras fórmulas de cooperación.
Gilvan Oliveira, Alonso Montero e Henrique Monteagudo
Gilvan de Oliveira, Alonso Montero e Henrique Monteagudo


O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa é un organismo creado en 1989 co fin de coordinar os esforzos na promoción e difusión deste idioma por parte dos oito países que forman a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). O seu actual director, Gilvan Múller de Oliveira, manifestou durante a súa visita á Academia -onde foi recibido polo presidente, Xesús Alonso Montero e o secretario da mesma, Henrique Monteagudo- a súa vontade de coñecer mellor as persoas e organizacións comprometidas no estudo e a defensa da lingua no noso pais, e de explorar posibles liñas de traballo conxunto no futuro.

Gilvan Müller de Oliveria informou tamén sobre a situación das máis de 180 linguas das comunidades nativas do Brasil, todas elas incluídas no Atlas de Linguas Ameazadas que publica a UNESCO, e que non obtiveron recoñecemento oficial naquel pais ata a aprobación da Constitución de 1988. "Desde aquela data, temos implantado un sistema de educación multilingüe co fin de mudar o proceso de perda progresiva de falantes destas linguas minoritarias. Aínda así, a reversión deste proceso amosouse, polo de agora, moi difícil, porque a imposición da lingua portuguesa foi moi forte no noso país". Gilvan de Oliveira informou tamén sobre varias resolucións tomadas no cumio da IILP celebrado en Maputo (Mozambique) encamiñadas a corrixir este devalo.