Varón

varón s.m.
Individuo da especie humana, de sexo masculino. Tivo catro fillos: dúas mulleres e dous varóns. sin. home.

Esta é unha das palabras especificamente galegas con documentación máis antiga, pois áchase xa no século IX, nun documento notarial intencionalmente escrito en latín que contén esta frase case en perfecto romance: C de meos serbos inter barones et mulieres (PMH Diplom. 8). A súa frecuencia na escrita medieval, tanto literaria e histórica como notarial, é moi grande, e aparece indistintamente coas grafías baron e varon/uaron, aínda que predomina a primeira.

A súa orixe parece estar no xermánico *baro, que segundo Coronimes significaba "home libre, apto para a loita", Así a todo, xa vimos que os primeiros homes chamados varóns na nosa lingua non eran libres, pois son citados expresamente como servos do outorgante. A palabra homógrafa varón, derivada de vara, non ten nada que ver con esta.

Na nosa lingua medieval, o sentido simple de "ser humano macho" é abundantísimo: e ssi filio baron non ouuermos; e per ta mercee un fillo baron me dá; que non escapou baron nen moller; vossa moller á bon drudo, baronciño mui velido; e pariu fillo baron. Outras veces o termo asume un claro matiz valorativo que implica respecto ou consideración social, especialmente cando vai unido con adxectivos que ás veces funcionan case como epítetos: bon varon, nobre baron, vaaroos nobres, varon santo, ou xa en Camões, as armas e os barões assinalados.

Co tempo, tanto en portugués como en español, e en galego moderno, a palabra única orixinal diferenciouse en dúas. Unha delas, escrita con v (talvez non sen influencia do vir latino), mantén os significados e matices medievais. A outra, con b, especializouse para designar un título de nobreza. Neste sentido, é un catalanismo ou galicismo semántico, pois nos reinos occidentais da península ibérica non existía ese título concreto, e a mesma categoría xeral dos baróns que agrupaba os altos señores de Cataluña, Occitania e Francia era entre nós comunmente a dos denominados ricos homes.

A sinonimia de varón e home é imperfecta, de maneira que as palabras non sempre son intercambiables e, aínda cando o son, sempre se percibe algunha diferenza de matiz. Por exemplo, onde dicimos Fulano é un mal home resultaría case incomprensible dicir Fulano é un mal varón. Dicir tivo un fillo home en vez de un fillo varón non parece tan incorrecto, pero faise máis ben raro; pola contra, pódese dicir perfectamente tivo catro fillos: dúas mulleres e dous homes (ou dúas nenas e dous nenos, se se quere precisar que aínda non son adultos).

Unha palabra coma esta aturaría moi ben un longo ensaio pola súa riqueza de matices. En Occitania, onde tiña un sentido máis restrinxido de "home de alta posición social", o trobador Peire Cardenal discutiu nun sirventés esa restrición, opinando que o termo se lle debía aplicar a calquera home de comportamento social exemplar, aínda que fose pobre, e que pola contra non debía designar nunca un malvado, por rico que fose.