Manuel Luís Acuña Sarmiento (A Pobra de Trives, 1899 – Ourense, 1975) foi unha voz singular dentro da poesía galega. As súas primeiras publicacións literarias viron a luz na revista Vida gallega no ano 1926 e o seu único poemario, Fírgoas, onde conflúen ecos da vangarda poética máis pura cos popularistas, saíu do prelo de Ánxel Casal no ano 1933. “A súa obra literaria, encadrada nos límites xeracionais que abren Manuel Antonio e Amado Carballo, está moi condicionada polos acontecementos históricos que lle tocou vivir, que están na cerna do seu posterior e persistente silencio literario”, apuntan Carlos L. Bernárdez e Ramón Nicolás na súa edición de Fírgoas para Xerais (1992).
Alén do seu perfil como poeta, tampouco cómpre esquecer a obra narrativa e a etapa do autor como director do xornal El Momento (A Coruña 1930), ou a colaboración prestada nas Escolas do Insiño Galego que botara tamén a andar Ánxel Casal na cidade herculina. Mestre republicano progresista –era membro da asociación educativa ATEO de Ourense–, tras ser depurado polos golpistas dedicouse ao ensino privado en Ourense ata a súa xubilación.