Un repaso ao labor editorial de Casares desde Vigo

Vigo, a urbe desde a que Carlos Casares exerceu como editor, acolleu este xoves 9 de novembro a segunda das xornadas sobre a súa figura organizadas pola fundación que preserva o seu legado e coas que deu comezo un mes centrado na análise da vida e da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2017. O labor do escritor á fronte de Galaxia foi o eixe dunha mesa redonda na que se destacou o papel que xogou non só na modernización deste selo nado en 1951 senón de todo o tecido editorial galego.

Xavier Casares, Abel Caballero e Víctor F. Freixanes inaugurando a xornada. Fonte: Fundación Carlos Casares


O presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, inauguraron a xornada que se desenvolveu na Casa Galega da Cultura de Vigo, a cidade que se converteu nos anos 80 na capital da edición de Galicia, lembrou o rexedor. Deseguido, a xornalista María Xosé Porteiro moderou unha mesa redonda con achegas do escritor e tradutor Francisco Xavier Senín, o director xeral de Xerais, Manuel Bragado, e o responsable de produción de Galaxía, Xosé Soutullo.


Pola esquerda, Xosé Soutullo, Manuel Bragado, María Xosé Porteiro e Francisco Xavier Senín. Fonte: Fundación Carlos Casares


Francisco Xavier Senín, membro durante un tempo do equipo de Galaxia, realizou unha viaxe pola literatura infantil e xuvenil galega e a contribución a esta de Carlos Casares. A editorial que dirixiu entre 1986 e 2002 fora xa pioneira na aposta polo libro galego para o público máis novo acubillando títulos de Xohana Torres ou Bernardino Graña, pero con Casares á fronte déuselle un importante pulo a estas publicacións. Con el creouse a colección Árbore -da que foi responsable María Victoria Moreno, a escritora que será homenaxeada o Día das Letras Galegas 2018- e con el impulsouse tamén a tradución de clásicos internacionais como O principiño ao galego, vertido á nosa lingua por el mesmo.

Manuel Bragado, responsable de Xerais (fundada en 1979 en Vigo), referiuse á tensión creativa entre este selo e Galaxia nos anos 80, unha tensión creativa compatible coa colaboración entre ambas as editorais, conscientes de que o libro é un dos factores que fan cidadanía galega. Así foi como saíu adiante a Biblioteca 120, proxecto no que se detivo. Esta colección reeditou 120 títulos da literatura galega distribuídos por La Voz de Galicia para conmemorar os 120 anos da cabeceira. O seu éxito desbordou as previsións, cualitativas e tamén de negocio, tanto para o xornal como para as editoriais.

Xosé Soutullo percorreu os 16 anos de Carlos Casares á fronte de Galaxia, desde 1986 ata o seu pasamento no 2002. Neste período, a editorial, salientou, deixou de ser o suxeito de resistencia testemuñal que fora durante a ditadura, acometeu un importante proceso de modernización e pasou a competir no mercado. Ademais de lle prestar atención aos textos, Casares tampouco esqueceu outros elementos como o deseño do libro, contando con figuras como Manuel Janeiro para o deseño de cubertas.

O académico Xesús Alonso Montero foi o encargado de pechar o programa cunha conferencia sobre o pensamento político de Carlos Casares nos seus anos de mocidade na que recordou a admiración que este sentía naquel momento por Ernesto Che Guevara, a quen chegou a dedicarlle uns versos elexíacos.