O estudo da toponimia xacobea é unha forma de contribuír á súa preservación e mais á divulgación da súa significación, tanto no plano semántico coma histórico ou sociolingüístico. “Os lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago poderían mostrar información para o peregrino, o viaxeiro ou os propios habitantes de todos estes aspectos, e as novas tecnoloxías poden contribuír a facelo, como a proposta de realizar unha aplicación baseada en códigos QR para difundila”, suxiren as académicas, que coordinaron tamén o congreso que a RAG celebrou contando coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Asociación Galega de Onomástica, e mais co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.
Da influencia do ‘Liber sancti Iacobi’ á voz ‘chaqueta’
As contribucións compiladas no volume amosan que, en xeral, hai poucos topónimos específicos xacobeos, entre os que poden citarse, cun criterio amplo, Francos, Peregrinos, Romeu, Milladoiro, Hospital ou Monte do Gozo. “Algúns son de clara influencia literaria, procedentes das historias de Carlo Magno e difundidos en Europa polo Liber sancti Iacobi (s.XII), como Rolán / Roldán, Valcarlos, Rozavales / Roncesvalles. Iso si, o nome do apóstolo difundiuse internacionalmente como topónimo: Santiago, creación galega difundida para todo o mundo hispánico, San Jaume, Jan Done Jakue, Saint - Jacques, San Giacomo...”, exemplifican.
O nome de Santiago chegou mesmo ao léxico común: a voz chaqueta deriva en última instancia de jacquet, o apelativo dado en francés ao peregrino, lembra o académico de número Gonzalo Navaza no artigo que dedica ás etimoloxías xacobeas. O profesor da Universidade de Vigo desbota con argumentos convincentes na súa contribución a moi difundida etimoloxía popular ('campo da estrela') e reafirma a súa orixe en composĭta ‘a ben composta’, como se glosa en varias crónicas medievais, co sufixo diminutivo -ĕlla.
A publicación inclúe tamén artigos sobre os nomes dos camiños en Galicia, a Península Ibérica e o resto de Europa de Juan Carlos Búa Carballo, José María Anguita Jaén, Paula Bouzas Rosende, Xosé Manuel Sánchez Rei, Vicente Feijoo Ares, Xosé María Lema Suárez e Valentín García Gómez, Emilio Nieto Ballester, Carlos Rocha, Alice Fernandes, Esperança Cardeira, Toribio Fuente Cornejo, Jairo Javier García Sánchez, Javier Giralt Latorre, Emili Casanova, Patxi Salaberri Zaratiegi, Mikel Gorrotxategi Nieto, Pierre-Henri Billy, Elena Papa, Alda Rossebastiano, Fernando García Pazos, Marta Montilla Lillo, Marco Pavo López, José Carlos Sánchez Pardo, Marcos Fernández Ferreiro, Andrés Menéndez Blanco e Fernando Álvarez-Balbuena García.
As sesións do congreso poden ademais verse na sección de comunicación desta páxina web e na canle de Youtube da Real Academia Galega.
Entre outras novidades, a sección de publicacións desta páxina web ofrece tamén o volume que recompila as achegas presentadas na VII Xornada de Onomástica Galega, que se centrou na onomástica literaria.