Melón é un dos concellos que menos achegas públicas recibiu desde a posta en funcionamento de Galicia Nomeada no ano 2019. Na plataforma só se rexistraron cinco persoas que incluíron vinte e cinco novos topónimos. Neste municipio ourensán conflúen ademais dous datos demográficos que poñen en risco a preservación da súa toponimia menor: no que vai de século perdeu máis dun terzo da poboación e unha quinta parte dos seus habitantes censados teñen máis de 85 anos.
Estes tres condicionantes fan moi urxente a colaboración de todas as persoas que gardan na súa memoria este rico patrimonio inmaterial, ou que poden axudar no seu rexistro aos veciños e veciñas de Melón de máis idade. Este é o principal obxectivo da palestra que ofrecerá Vicente Feijoo Ares, quen comezará a súa intervención cunha reflexión sobre a importancia dos nomes de lugar como patrimonio cultural, a súa alarmante perda e a necesidade de salvagardalos e de transmitilos ás futuras xeracións.
A parte central da charla estará dedicada a Galicia Nomeada, a plataforma a través da cal se recuperaron xa milleiros de topónimos en todo o país, grazas ao esforzo de centos de persoas, institucións e entidades. O especialista en toponimia explicará dun xeito ameno e práctico as principais funcións da plataforma, tanto na versión de escritorio como nas aplicacións para dispositivos móbiles, que permiten non só engadir un topónimo e situalo no mapa, senón tamén acompañalo de fotografías, audios coa súa pronuncia ou lendas, así como facer suxestións sobre os erros que poidan existir nos nomes que xa figuran no visor de Galicia Nomeada.
Para o final quedará unha das partes que máis atención acapara nas charlas Toponimízate: a análise dos nomes das parroquias e aldeas de cada concello, unha información que se elabora coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza. Vicente Feijoo explicará a orixe e significado de topónimos como As Mestas, aldea de Melón que resulta da evolución do latín MIXTAS, un adxectivo en feminino plural que na toponimia designa lugares onde se produce o encontro de dous cursos fluviais, neste caso o río Cerves co río da Armada.
A Estrada, seguinte parada da campaña Toponimízate
Tras a visita a Melón, a campaña Toponimízate desprazarase a vindeira semana ao concello pontevedrés da Estrada. A cita será o xoves 2 de outubro na Casa das Letras - Biblioteca Municipal a partir das 19:00 horas.