A charla en Cualedro é de grande importancia por diferentes factores: en só vinte anos este municipio perdeu un 30% da súa poboación e máis da metade dos cualedraos xa teñen máis de 60 anos. Ademais, non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011.
Grazas ao labor do alumnado do IES Lagoa de Antela e ao doutros colaboradores como Nica Palomares, xa se rexistraron no visor de Galicia Nomeada algo máis dun cento de nomes, pero aínda quedan moitos microtopónimos por engadir deste concello. É por isto que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a todos os veciños e veciñas para que acudan á cita deste venres e participen neste proxecto cultural achegando os nomes que saben da súa aldea.
Ademais da formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Cualedro, sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Entre os meses de xuño e novembro, Toponimízate visitará Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra.