Tecendo redes cos versos de Rosalía

"Rosalía morreu antes da fundación da Real Academia Galega, pero esta é a súa casa, porque sen ela non existiría". Con estas palabras abriu Marilar Aleixandre a homenaxe da institución celebrada onte nas vésperas do 180 aniversario do nacemento da escritora, un acto musical e literario no que se estableceu un diálogo entre a poesía de Rosalía e a música e os versos de hoxe. Roi Casal, acompañado de Silvia Ferre, converteu varios dos seus poemas en cancións e Ánxeles Penas, Rosalía Fernández Rial e os académicos Marilar Aleixandre, Luz Pozo e Salvador García-Bodaño recitaron versos da escritora e outros propios na súa honra. Unha mestura que serviu, unha vez máis, para demostrar que "Rosalía está sempre de plena actualidade".

Roi Casal e Silvia Ferre interpretando un poema de Rosalía de Castro durante a homenaxe á escritora. Autor: RAG


Tras a presentación de Marilar Aleixandre, Roi Casal interpretou, "Ninfa das frescas augas", a súa lectura musical do poema XXVI de Cantares gallegos. Acompañado da cantante Silvia Ferre, púxolles tamén música aos poemas II e X desta obra, na peza que titula "Rosa", e "Tecín soia a miña tea", de Follas novas. O músico reivindicou a universalidade de Rosalía, a primeira muller "pop do planeta", cuxa obra permite facer "case de todo" artisticamente. Foi ademais o encargado de lle poñer o ramo á parte literaria e musical da celebración interpretando "A fortuna de poder amar", unha peza do seu disco Son galego, son cubano. Dedicoulla ao académico Xosé Neira Vilas, quen escribiu pouco antes do seu pasamento varias letras para este álbum.

Os poemas musicados son boa proba de que as creacións de Rosalía "chegan ata hoxe", salientou Marilar Aleixandre, quen ademais de conducir o acto leu versos da homenaxeada, a quen lle dedicou os seus propios de "Arrenego das pombas". Salvador García-Bodaño tamén recitou tres poesías súas escritas na honra da escritora fundacional das Letras galegas contemporáneas, "Alas de ausencia te abranguen", "Nesta chaira da noite pecha de Bastavales" e "…pois que vés como a choiva e maina anegas"; e Luz Pozo agasallou o público cun fragmento doutro poema de seu inspirado en Rosalía de Castro e un sentido recitado de "Adiós ríos, adiós fontes".

Ánxeles Penas escolleu os poemas rosalianos "Adiós" e "Ladraban contra min que camiñaba", e mais outro propio titulado "Do mar pola orela mireina pasa", que toma o seu nome dun dos versos da poesía que lle dedicou Curros Enríquez á escritora tras o seu pasamento. Pola súa banda, Rosalía Fernández Rial recitou tamén a Rosalía e dedicoulle uns versos do seu libro Vinte en escena. A convidada máis nova tirou dos fíos dos versos de "Tecín soia" previamente escoitados na voz de Silvia Ferre para reivindicar a Rosalía como "esa tecedora de redes que é capaz de unirnos a todas esas fiandeiras, a todos eses fiandeiros solitarios, e unirnos como pobo, tecer esa rede común que nos une". "Rosalía está sempre de plena actualidade", concluíu.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, pechou o acto cun discurso no que se mergullou na correspondencia entre Ramón Otero Pedrayo e as irmáns de Castelao para salientar a fonda pegada de Rosalía. Nunha carta a Josefina e Teresa tras o pasamento do intelectual, trataba de reconfortalas afirmando que para atopar "unha alma semenllante" á do "amantiño, cordialísimo e afectuoso" Castelao "hai que subir ata Rosalía de Castro".


Pola esquerda, Roi Casal, Marilar Aleixandre, Luz Pozo, Ánxeles Penas, Rosalía Fernández Rial, Salvador García-Bodaño e Silvia Ferre tras a homenaxe, celebrada na sede da RAG no serán do 22 de febreiro. Autor: RAG


Alén da celebración desta homenaxe, desde comezos de febreiro o Arquivo da Academia amosa na Rede co gallo do aniversario de Rosalía os retratos fotográficos que conserva da autora.