As palabras que foron suxeridas como candidatas encádranse nos temas de maior actualidade durante estes doce meses. Termos relacionados coa crise dos refuxiados (acollida, prexuízo, refuxiado, solidariedade…), coa situación social e política (desafiuzamento, inestabilidade, marea, loita, indignación…) e arredor da barbarie da violencia de xénero (muller, violencia, feminicidio) e do terrorismo fundamentalista (xihadismo, arreguizo, atentado…) figuran entre os sinalados por quen participaron na primeira parte da campaña. Outro foco de interese foron os procesos soberanistas (independencia, secesionismo, plebiscitario...), mentres que outras persoas valoraron máis os termos do mundo da tecnoloxía (chiar, rechouchío, selfie, etc.).
Tamén houbo propostas de voces eufónicas ou de evocación máis subxectiva (como orballo, paixón, agarimo, ledicia ou morriña), se ben estas se deixaron á marxe por non se axustaren ao obxectivo do proxecto.
O Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización do léxico da nosa lingua.