(Diario de Pontevedra)
Tras a decisión adoptada onte no pleno municipal, Sabino Torres será recoñecido nunha celebración oficial que terá lugar o vindeiro mes de xuño. O Concello de Pontevedra traballa ademais nun programa de actos centrados na divulgación da figura do académico correspondente e do seu legado.
Sabino Torres Ferrer foi a finais dos anos 40 do século pasado un dos mozos promotores da colección de poesía Benito Soto. A idea empezara a tomar forma en 1948 e o selo con nome de pirata arrincou con Madrigal, de Emilio Álvarez de Negreira, e Como el río, do propio Torres, en 1949. Na colección, bilingüe pero cunha maioría de títulos en galego, tamén se publicaron Poemas de ti e de min, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez (1949), ou Muiñeiro de brétemas (1950), a obra coa que Manuel María se converteu no primeiro poeta novo en publicar en lingua galega.
Moitos anos despois, xa nos 90, Sabino Torres volveu editar poesía a través da colección Hipocampo Amigo, de novo con volumes tanto en galego como en castelán. Esta nova andaina editorial emprendeuna desde Madrid, a onde se trasladara a vivir décadas atrás. O cambio de residencia supuxera deixar atrás o xornalismo, que exercera desde os anos 40 en Pontevedra. Alí dirixiu o semanario Ciudad e traballou en El Litoral.
En 2014, ao facer os 90 anos, publicou Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia), as súas memorias como editor e poeta.