Rosario Álvarez Blanco, Xesús Alonso Montero, Pilar García Negro e Henrique Monteagudo
O salón de actos da Real Academia Galega acolleu na tarde de onte a terceira e última das xornadas dedicadas a Castelao, que co gallo de cumprírense os 50 anos do Día das Letras Galegas dedicado a el, os 70 anos da publicación do Sempre en Galiza e os 80 anos do ingreso na Real Academia Galega, viñeron desenvolvéndose durante o mes de outubro, organizadas pola Academia coa colaboración do Concello de Rianxo e o Museo Pontevedra.
A profesora Pilar García Negro salientaba a coincidencia da data desta charla sobre Castelao coa aparición do primeiro número da revista Nós, o 30 de outubro de 1920, e da que Castelao foi o responsable artístico. Fixo fincapé así mesmo nunha análise da arte literaria do escritor vinculada á súa produción artística en xeral, establecendo un diálogo transversal entre o Castelao humorista, o caricaturista, o debuxante popular, o narrador, o dramaturgo e o nacionalista galego.
Xesús Alonso Montero, Pilar García Negro e Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo destacou a Castelao como un dos primeiros exemplos da historia literaria contemporánea de Galicia na utilización do idioma do país nun abano amplo de rexistros. Na súa produción literaria, onde foi moi estrito na opción lingüística a prol do galego, introduciu o idioma en escenarios tradicionalmente lle estaban vedados. Segundo o profesor Monteagudo, Castelao entendía como unha necesidade imperiosa cultivar o galego en prosa, e así se involucrou na modernización do idioma, considerando prioritaria a súa utilización constante tanto en actividades públicas como na publicística. A oratoria foi unha soleira e un campo de exercicio moi útil para o ensaio pois os textos que se preparaban para estas ocasións arranxábanse coidadosamente por escrito, e adoito eran posteriormente publicados.
O Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero cerrou o acto cunha intervención na que destacou a faceta de Castelao como comunicador, sobre todo en galego nunha época en que a maior parte dos galegofalantes eran analfabetos, e os que non o eran só sabían ler en castelán. Salientou, neste sentido, a importancia dos pés dos debuxos en Cousas da vida, de fácil lectura pola súa especial capacidade sintética e didáctica e, quizais, o único que moita xente podía ler en galego.
Con motivo da conmemoración destas efemérides, a Academia puxo a disposición dos usuarios no seu portal web unha publicación que coa reprodución de tres textos autógrafos do artista e político rianxeiro atesourados nesta institución:
"Arte e galeguismo", conferencia pronunciada o 19 de outubro de 1919 nas instalacións da Irmandade da Fala da Coruña.
"O retrato", narración publicada na revista Nós en 1927, e máis tarde incorporada ao volume Retrincos publicado en 1934.
"Humorismo, debuxo humorístico, caricatura", disertación pronunciada por Castelao en marzo de 1920 no Círculo de Artesáns da Coruña, e que contén o xermolo da que será unha das súas narracións máis coñecidas: Un ollo de vidro, publicado en Céltiga en 1922.
Esta publicación pódese descargar aquí.
Tamén se ofrece nesta ligazón a versión dixital do volume Presencia de Castelao na Academia, da autoría de Xesús Alonso Montero e publicado pola RAG en 1999.