No centro da imaxe, Ramón Martínez López intervén no primeiro congreso do refundado Partigo Galeguista, en 1978. Fotografía cortesía de El Correo Gallego
"Na súa bibliografía, iniciada xa nas páxinas da revista Nós, sempre tivo presenza Galicia, xa fose a través dos cancioneiros e da prosa medieval ou do mesmo Valle-Inclán, mito libertario e artístico dos escritores do exilio", escribe sobre Martínez López (Boiro, 1907-Pontevedra, 1989) o académico Xosé Ramón Barreiro no limiar da edición do seu discurso de ingreso na Academia, Contribucións norteamericás á historia da cultura medieval galega, publicado en 2007 co gallo do centenario do seu nacemento. A cerimonia de recepción na RAG celebrouse hai 40 anos no salón artesoado de Fonseca da Universidade de Santiago, onde estudara sendo mozo.
Tras se licenciar en Dereito en 1927 e Filosofía e Letras en 1929, Martínez López axiña acadou, con só 23 anos, a cátedra de Lingua e Literatura Españolas do Instituto de Lugo. Nesta cidade involucraríase de inmediato na vida cultural e tería moito que ver na visita, en 1932, de Federico García Lorca, a quen acolleu na súa casa. Alí, xunto a outros colegas galeguistas, pasarían unha noite de conversas e recitados, lembra o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Aquel foi sen dúbida un dos grandes días de Lorca en Galicia", afirma.
Encontros e correspondencia con Castelao
Un ano despois, mudouse a Lisboa para poñer en marcha o primeiro instituto español na capital lusa, onde fixo de nexo entre as culturas galega, portuguesa e española. Relacionadas con esta época son dúas das Tres cartas do desterro que lle escribiu Castelao, daquela desterrado en Estremadura, e que nunha rápida escapada a Lisboa se hospedou onda el e se encontrou co escritor Teixeira de Pascoaes. As misivas poden lerse comentadas polo propio Martínez López no nº 357 do Boletín da Real Academia Galega, publicado en 1975. A derradeira carta foi escrita pouco antes da partida cara a América dos dous. "Cruzámonos á altura da Habana, el no Argentina, camiño de Buenos Aires, e eu no Delvalle rumbo a Nova Orleáns. Foi o día 27 ou 28 de xuño de 1940. Sabendo a data de saída de Nova York cablegrafeille ao barco e dúas horas máis tarde tiven a súa resposta. Non volvín velo. Só as súas poucas cartas e o xeneroso envío dos seus libros", conta no artigo o polígrafo, décadas despois impulsor e primeiro presidente da Fundación Castelao.
O estoupido da Guerra Civil sorprendeuno en Galicia pasando as vacacións de verán. Con axuda de Valentín Paz Andrade, logrou regresar a Lisboa, onde foi nomeado agregado cultural da embaixada republicana española por Claudio Sánchez Albornoz."En Francia pasou vintedous días nun campo de refuxiados. Pouco despois marchou a América, onde tras uns meses en Arxentina se trasladou a Austin" Tras ser declarado persoa non grata polo goberno de Salazar, fuxiu a Francia, onde tamén sería agregado cultural. En 1939 pasou 22 días no campo de refuxiados de Argelés Sür Mer e pouco despois marchou Arxentina, onde con axuda do filólogo Amado Carballo foi aceptado como investigador do instituto de filoloxía da Universidade de Buenos Aires. Meses despois, en xuño de 1940 partiu cara aos Estados Unidos para ocupar unha praza na Universidade de Texas da que soubera grazas a Américo Castro, recorda Alonso Montero. Alí impartiría clases de Lingua e Literatura Española e Portuguesa.
O Rexurdimento no 'Columbia Dictionary of modern european literature'
Desde Austin, Martínez López mantivo unha abondosa correspondencia relacionada tanto co seu labor investigador como co galeguismo. Nunha desas cartas, manifestáballe con satisfacción a Florencio Delgado que o único que tiña feito de efectivo desde a súa chegada aos Estados Unidos por Galicia, arredor de 1940, fora "provocar a creazón da Sección Gallega ao lado da Portuguesa e Brasileira na máis grande e importante Entidade Lingüística dos Estados Unidos, a ‘Modern Language Association of America', con máis de cinco mil membros". Outra das súas achegas son as entradas sobre Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Curros Enríquez, xunto a outros autores portugueses, que escribiu para o Columbia Dictionary of modern european literature (1947) a través do convite de Pedro Salinas, exiliado en Boston.
Nos anos 60 trabou amizade co escritor Jorge Luis Borges, profesor visitante na Universidade de Texas, lembra tamén X. Amancio Liñares Giraut en Ramón Martínez López (TresCtres Editores, 2007). Nesa década empezou a viaxar con frecuencia a Galicia durante as vacacións, ata que en 1971 volveu definitivamente ao se xubilar, retomando con forza o seu activismo galeguista e traballando pola recuperación do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos. Nesta nova etapa vital tamén saíu á luz, en 1978, o seu tratado sobre a literatura galega no exilio, incluído na obra de varios tomos El exilio español de 1939, publicada por Taurus Ediciones. A versión galega da obra foi editada en 1987 pola Fundación Otero Pedrayo na véspera da concesión do Premio Trasalba a Martínez López, unha das distintas homenaxes que se lle renderon nos últimos anos dunha vida de servizo a Galicia.