Rafael de Castro García doa a súas traducións das 'Sonatas' de Valle-Inclán

O Arquivo da Real Academia Galega recibiu a doazón da tradución das Sonatas de Ramón María del Valle-Inclán ao galego realizada por Rafael de Castro García. O profesor, que empezou a verter ao noso idioma distintos clásicos de autores galegos que escribiron en castelán tras se xubilar, fíxolle onte entrega dos mecanoscritos na sede da RAG ao presidente Víctor F. Freixanes, quen lle agradeceu a doazón.

Rafael de Castro asina os mecanoscritos da súa tradución das Sonatas de Valle-Inclán ao galego. Fonte: RAG


Rafael de Castro García dooulle este xoves ao Arquivo da Academia as traducións da tetraloxía das Memorias do marqués de Bradomín: Sonata de outono (1902), Sonata de estío (1903), Sonata de primavera (1904) e Sonata de inverno (1905), un traballo que realizou tras verter ao galego Viaje a la Alcarria (1948) e Del Miño al Bidasoa, de Camilo José Cela. Na actualidade traballa na tradución de Filomeno a mi pesar, de Gonzalo Torrente Ballester.


Rafael de Castro, acompañado da súa dona, Carmen García Vidal, entrégalle as súas traducións das Sonatas ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Fonte: RAG