Xosé Ramón Barreiro, Faxildo Galdo, Cristino Álvarez e Manuel Bragado durante a presentación do libro
A presentación, celebrada nun ateigado salón de actos da Academia o pasado 17 de decembro, contou coa presenza do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; do membro de número e anterior presidente desta corporación, Xosé Ramón Barreiro Fernández; do xornalista gastronómico, Cristino Álvarez e de Faxildo Galdo, fillo do autor e ilustrador do libro.
Abriu o acto o editor do libro, Manuel Bragado, quen, despois de situar na categoría de médico humanista o académico viveirense, afirmou que a cultura gastronómica foi unha da súas grandes afeccións. "Abecedario das mantenzas é, pois, un impresionante testamento literario e persoal, onde recolleu todo o seu saber sobre a cultura gastronómica do noso país".
O xornalista gastronómico Cristino Álvarez, tras lamentar a perda do amigo, sinalou: "aínda que foron moitos os médicos que falaron sobre comida, foron moi poucos os que escribiron a favor do pracer. Fausto Galdo pertence a esta segunda categoría na que tamén están Gregorio Marañón e Martínez Llopis". A continuación, Cristino Álvarez lembrou algúns nomes da extensa tradición de literatura gastronómica do noso país, desde Cornide, Picadillo e Castroviejo, ata Julio Camba, Pardo Bazán, Fernández Flórez e, sobre todo, Álvaro Cunqueiro. "Fausto Galdo acometeu a difícil tarefa de escribir un dicionario gastronómico, unha empresa pouco rendible en canto á notoriedade e moi esixente en traballo. Este libro constitúe, pois, un verdadeiro homenaxe a Galicia".
Pola súa parte, o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, sinalou: "este é o mellor libro que escribiu Fasto en toda a súa vida. É unha verdadeira enciclopedia da cociña galega na que aparece todo o que ten que ver coa mantenza e supón, tamén, un grande esforzo de síntese ao resumir tanto como el sabía en tan poucas páxinas". Barreiro Fernández gabou a vontade de estilo e a riqueza lingüística coa que está escrito o libro antes de concluír: "temos que decatarnos de que isto é cultura galega, pois a cultura é a forma que tivo a comunidade galega de dar forma ás súas necesidades cunha intención estética. Do mesmo xeito que para a simple función de gardar o gran construíu esas impresionantes estruturas que son os hórreos. Fausto, pois, fai patria con este libro".
Faxildo Galdo, despois de expresar a súa gratitude ao numeroso público asistente en nome da familia, fixo unha emocionada evocación biográfica do seu pai, desde os seus tempos na universidade compostelá e o seu periplo barcelonés, ata o definitivo asentamento na Coruña e o seu labor como xornalista gastronómico no número dos domingos de El Ideal Gallego. "Para Fausto o comer era un acto social, unha oportunidade para a conversa e a amizade".