Jesús Oitavén Barcala, Elena Zernova, Xesús Alonso Montero e o equipo de traductores de Nimbos.
O acto de presentación da tradución, promovida pola Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, será celebrado hoxe no Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de San Petersburgo, e contará coa presenza, entre outros, do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; da profesora e directora do CEG, Elena Zernova, e do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala.
En palabras do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, esta tradución de Nimbos, coordinada pola profesora Elena Zernova, constitúe unha achega decisiva ao proceso de difusión internacional da cultura e a literatura galega: "A nosa estima polos nosos propios valores culturais vese incrementada co recoñecemento que recibe desde o exterior, e neste sentido, debemos estarlles especialmente agradecidos ao Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo, que leva xa, con esta tradución, dezanove obras galegas trasladadas ao ruso".
Xesús Alonso Montero completará a súa estancia en San Petersburgo coa presentación da súa obra Castelao na Unión Soviética en 1938, na que realiza unha pescuda sobre a viaxe á Unión Soviética feita polo senlleiro intelectual galeguista no contexto da Guerra Civil na procura de apoios para a causa republicana.