Presentación da segunda fase do .gal

Nesta segunda fase, anterior á súa apertura definitiva, os solicitantes poderán encargar ou reservar o rexistro do seu dominio conforme a cinco categorías.
Xesús Alonso Montero, Edita de Lorenzo e Manuel González
Xesús Alonso Montero, Edita de Lorenzo e Manuel González


A presentación tivo lugar no salón de actos da Academia, e contou coa presenza, entre outros, do presidente desta institución, Xesús Alonso Montero e do seu secretario, Henrique Monteagudo, ademais da dos directivos da Asociación PuntoGal, o seu presidente e membro de número da Academia, Manuel González, e a súa directora xeral, Edita de Lorenzo, decana, así mesmo, da Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo.

"Tal día como hoxe, no ano 2006, presentabamos neste mesmo lugar a Asociación PuntoGal", principiou lembrando Manuel González, quen engadiu: "E fixémolo neste espazo porque a Academia e o PuntoGal teñen unha clara confluencia nos seus obxectivos: velar polos intereses e a implantación social do idioma".

Manuel González ilustrou a importancia da posta en marcha do dominio galego botando man dun estudo feito pola Academia no ano 2003, O galego segundo a mocidade, que amosaba unha inesperada subsistencia de prexuízos e actitudes negativas sobre o galego nese sector da poboación: "Os falantes de castelán eran considerados máis cultos e mellor educados, máis preparados en definitiva para posicións de dirección. É, pois, imprescindible asociar o galego co futuro e o progreso, e hoxe ese progreso chámase internet. Coa presenza dunha morea de sitios na Rede co dominio .gal, a nosa paisaxe lingüística mudará de xeito radical, amosarémoslle ao mundo que temos unha lingua e cultura propias, e que estamos orgullosos delas".

Edita de Lorenzo foi a encargada de explicar os detalles técnicos da fase de lanzamento do dominio .gal, Abrente e Carreira, que dá comezo o 16 de setembro, e que durará ata mediados de novembro, situando no 2 de decembro o comezo da fase de apertura total para o rexistro de dominios baixo este epígrafe. Segundo explicou de Lorenzo, a fase de lanzamento estrutúrase en cinco categorías:

1. Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH).
2. Marcas que non cumpren cos requisitos para usar un .gal, pero que queren evitar, de xeito defensivo, que a súa marca sexa rexistrada por terceiros.
3. Administracións públicas e entidades de promoción da cultura e da lingua galegas.
4. Marcas rexistradas a calquera nivel con implantación en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
5. Calquera que tivese ata agora unha web, páxina persoal, etc, e veña empregando a lingua galega nas súas comunicacións en liña habituais.

O prazo de rexistro no .gal para todas estas categorías remata o 18 de novembro, agás para a terceira delas, que ten de prazo ata o 25 do mesmo mes. De Lorenzo informou, asemade, sobre os prezos medios do rexistro no dominio galego, e os xeitos de facelo efectivo que se poden consultar nesta ligazón.