'Por qué te fuches', de Dora Vázquez

En 1970, a escritora ourensá Dora Vázquez (1913-2010) publicaba un libro de poemas encabezado coa seguinte dedicatoria: "A Pura, garimosamente, nunha longa ausencia".
As irmás Pura e Dora Vázquez
As irmás Pura e Dora Vázquez


A destinataria era a súa irmá, a tamén poeta Pura Vázquez (1918-2006), quen naquela altura residía en Caracas, Venezuela, traballando como profesora na súa Universidade Central. O libro, titulado precisamente Irmá, contén trece composicións nas que a poeta evoca, en ton melancólico, o pasado compartido xuntas, láiase pola súa ausencia e reclama ou anticipa o seu regreso.

¿por qué te fuches?
Paseniño vou seguindo meu sendeiro outonizo,
sen aves xá e sen sol
-porta aberta ás saudades-
sen ollos pra piñal nen praia…
¡Inda non podo decatarme ben…!
Qué inquedos, dourados ouriolos,
che acenearon gasalleiros
pra tropicales ceos enxardelándoche as azas?
¡Ise fuxir das antergas illas,
ise non acougar que te queima,
isa arca das saudades que te envenena,
Isa arela voráxine que te abocaba
Isa ardência xentil que te leva...!

¿Non tiñas cantarolas de paxaros montesíos,
agrinaldadas rosas, acendidas mañás,
fecundas tardes, milagreiros ceos?
¿Quén, agora, percurará as roseiras
e prantará xeráneos nos parterres,
pra o enlevo animoso das primaveiras?
¿Quén, no vran, abalará nas ponlas,
i-espirá os árboresdo maturecido froito,
e vendimará nas uvas?
¿Quén rirá i-acenderá na casa
o fogo das ledas canturias...?

IRMÁ: ¡que nos fuxiras esí,
cós nosos paxaros todos da ledicia!

Irmá (Ourense, 1970)