Juan Antonio Saco Arce
A Gramática gallega viu a luz en 1868, saída do prelo de Soto Freire, cinco anos despois da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aínda que a súa popularidade non é comparable, a obra de Saco Arce é tamén un texto fundador cuxa importancia a Real Academia Galega quere lembrar co gallo desta efeméride.
Cuberta da primeira edición da 'Gramática'.
O programa de actos da RAG en Ourense arrincará o xoves 22 de novembro ás 13 horas coa inauguración da mostra 150 aniversario da Gramática gallega de J. Antonio Saco Arce, ideada e realizada polo académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, e organizada co patrocinio da Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas terá lugar a homenaxe organizada polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega, na que sete voces expertas trazarán o perfil biográfico de Saco Arce e afondarán na súa Gramática desde distintas perspectivas.
A coordinadora do Seminario de Gramática, a académica Rosario Álvarez, presentará os tres relatorios que conforman a primeira parte do programa, aberto a todo o público. Juan L. Saco Cid deterase na biografía intelectual de Saco Arce, o académico Antón Santamarina ollará a Gramática no contexto de emerxencia destes estudos no seu tempo e a profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Teresa López centrará a súa intervención na litetatura na gramática.
A partir das 18:00 horas, outros catro convidados afondarán no xurdimento da Gramática nunha mesa redonda moderada polo académico Xosé Luís Regueira. O profesor de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Francisco X. Dubert García abordará a gramática na Gramática de Saco Arce; o profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado analizará a súa proposta ortográfica no contexto do Rexurdimento; o investigador Xurxo Martínez tamén se achegará á obra de Saco Arce desde a perspectiva do momento en que xurdiu e o académico correspondente Ernesto González Seoane falará da descrición e da prescrición nesta obra fundacional.