Os Premios Peña Novo recoñecen o labor de Francisco Díaz-Fierros

O catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros, membro de número da Real Academia Galega desde 2002, acaba de ser recoñecido cun dos Premios Peña Novo na súa XXII edición. O xurado subliña o seu compromiso vital a prol da utilización e valoración da lingua galega no eido da ciencia, e o que isto supón de incentivo "para o uso do galego en espazos nos que habitualmente non está presente".
Francisco-Díaz Fierros
O académico Francisco-Díaz Fierros. Foto: RAG


A acta de resolución destes galardóns destaca tamén as achegas á actualización do léxico galego científico de Díaz-Fierros Viqueira desde o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, "moi importantes para a fixación dunha lingua propia para a ciencia en galego". Xosé Manuel Cid Fernández, profesor da Facultade de Ciencias da Educación de Vigo, e o Concello de Brión tamén foron premiados nesta edición. As distincións serán entregadas o vindeiro 30 de xuño nun acto público que terá lugar no castelo de Soutomaior.

O xurado compuxérono o científico Ángel Carracedo; Rosa Castro Legazpi, guionista e asesora lingüística da TVG; Ramón Paz Antón, músico, pintor e historiador; Héitor Picallo Fuentes, escritor e ilustrador; Soledad Ríos Santomé, filóloga e presidenta de Lonxa Literaria; a e a secretaria da Fundación Lois Peña Novo, Carme Pérez Vaquero.