Primeiro volume do Cancioneiro Popular Galego de Schuberth e Santamarina.
Fonte: RAG
O cancioneiro de Pérez Ballesteros publicouse por primeira vez en tres tomos da colección Biblioteca de las Tradiciones Populares Españolas.
Fonte: RAG
O cancioneiro de Castro Sampedro, con el comezou en serio a compilación das músicas das cantigas.
Fonte: RAG
Un exemplo de cancioneiro comarcal editado polo SEG.
Fonte: RAG
O cancioneiro da Mahía recollido polo pai de Lois Tobío tardou máis dun século en se publicar.
Fonte: RAG
A Antología de la lírica gallega (1928) de Álvaro de las Casas inclúe unha escolma de coplas populares canda obras de poetas como Rosalía ou Curros.
Fonte: RAG
Antífona da cantiga (1951), escolma de Cabanillas que inaugurou a andaina da Editorial Galaxia.
Fonte: RAG
Edición do cancioneiro de Pérez Ballesteros na colección Arealonga de Akal (1979).
Fonte: RAG
Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), traballo de Antonio Fraguas sobre a súa terra natal.
Fonte: RAG
O Cancioneiro popular das terras do Tamarela, froito dun proxecto pedagóxico de Manuel Rico Verea.
Fonte: RAG
O Cancioneiro do Fisterra galego é froito dun traballo de Manuel Quintáns co seu alumnado a finais dos 70.
Fonte: RAG
O Cancioneiro de Buño, publicado hai máis dun século no Boletín da RAG, reuniuse nesta publicación no ano 2022.
Fonte: RAG
Cuberta do cancioneiro no que Xabier Díaz ofrece unha escolma das cantigas que recolleu durante máis de vinte anos.
Martín Sarmiento (1695-1772), no seu Viaje a Galicia (1745), foi o pioneiro na reprodución nunha obra moderna da letra dunha cantiga, pero a súa contribución non se limitou a rescatar a literatura popular da esfera iletrada e considerar as coplas como paradigma do idioma. Tamén significou “o comezo dunha nova sensibilidade, francamente revalorizadora, cara a este xénero despreciado pola sociedade ilustrada”, apunta Domingo Blanco en A poesía popular galega (1745-1885) (Xerais, 1992).
Blanco recompilou nesta edición crítica, baseada na súa tese de doutoramento, todos os textos da poesía popular escritos en galego que atopou impresos e manuscritos dende as primeiras achegas dos tempos de Sarmiento ata a publicación do Cancionero de Pérez Ballesteros (1885), que viu a luz en tres volumes da colección de Machado y Álvarez Biblioteca de las Tradiciones Populares Españolas. Este último traballo foi o máis amplo levado a cabo ata o momento. Con 2.600 cantigas segundo a numeración do autor, “malia os seus defectos e limitacións, acadou unha sona sen precedentes e unha acollida moi favorable por parte dos críticos”, apunta o filólogo no seu estudo.
Posteriormente foron aparecendo outros cancioneiros, máis ou menos extensos. Entre eles figuran títulos como O Cancioeiro da agulla (Nós, 1931), edición de Armando Cotarelo Valledor con cento e unha cantigas populares sobre costureiras e xastres; e sobre todo cantigueiros comarcais como o Cancioeiro das ribeiras do Tea (SEG, 1929) ou a Colección de cantigas da Mahía. O manuscrito desta última recolleita de Lois Tobío Campo (pai de Lois Tobío Fernández) está datado en 1880 pero a súa publicación demoraríase un século.
Pero o gran salto cualitativo dérao entre finais do século XIX e comezos do XX Casto Sampedro (1848-1937) ao incorporar a música. O folclorista fundara en 1894 a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a través dela emprendeu o proxecto que daría como froito o seu Cancioneiro Musical de Galicia, publicado postumamente no ano 1942 ao coidado de Xosé Filgueira Valverde desde o Museo de Pontevedra. Este é o primeiro traballo serio que incorpora as melodías das coplas, sinala o académico Antón Santamarina. “O propio Casto Sampedro era músico, entre outras moitas cousas, pero ademais soubo tecer unha rede de colaboradores que desde diferentes partes de Galicia lle ían recollendo melodías”, explica. Entre os colaboradores principais que tivo estaban o ferrolán Ramón Arana, os pontevedreses Perfecto Feijoo e Víctor Said Armesto, o franciscano madrileño Luis Fernández Espinosa, o mencionado Marcial Valladares, natural da Estrada, o lugués Pascual Veiga e moitos outros.
Tamén se demoraría a publicación do Cancionero gallego do lugués Jesús Bal y Gay e o asturiano Eduardo Martínez Torner (director da sección de musicoloxía do Centro de Estudios Históricos da Junta de Ampliación de Estudios), cuxa recolleita se realizou entre 1928 e 1934. A obra, con arredor de 1.300 melodías, quedou incompleta por mor da guerra. As follas deste traballo aparecerían na leñeira do CSIC, segundo conta Filgueira Valverde no prólogo da primeira edición, de 1973. “O encargado de botar a leña á caldeira da calefacción levoulle aqueles papeis a José M. Alabareda, crego do Opus e responsable do CSIC desde 1938, que os mandou gardar. Así foi a maneira de que se salvase da queima o cancioneiro galego de Bal e Torner”, rememora Santamarina.
O que se considera a biblia dos cancioneiros comezaría a xestarse a finais dos anos 70 grazas á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, coa que o profesor Santamarina colaboraría durante anos na preparación do Cancioneiro Popular Galego. Editouno nos anos 80 a Fundación Barrié, que apoiou a investigación de Schubarth durante seis anos, e hoxe está dispoñible tanto na web desta entidade como no APOI do Museo do Pobo Galego.
“En xuño de 1978 Dorothé Schubarth chegou a Galicia buscando melodías arcaicas, con parada en terra do Cebreiro e do Courel antes de arribar a Compostela no mes de xullo. E aquí botou oito anos, ata 1986”, resume o académico. “Se cadra foi naquel mes de xullo do 78, ou en setembro, cando comezou a vir polo meu despacho co seu magnetófono e con borradores de transcricións de músicas e de letras. Escoitabámolas e eu corrixía as letras. Foi providencial a aparición de Dorothé nesta terra naquelas datas. No referente á música e á literatura popular, á altura de 1980 aínda había moitos informantes que se criaran no seo daquela sociedade tradicional”, recoñece Santamarina.
Outro título senlleiro no que a Biblioteca da RAG pon o foco nestas Día do Libro das Letras Galegas 2025 é Antífona da cantiga (1951), a escolma de coplas de Ramón Cabanillas –nesta caso sen música – que inaugurou a andaina da Editorial Galaxia. Neste volume que en edicións posteriores se titulou Cancioneiro popular galego (1973), o vate de cambados seleccionou case 900 cantigas populares “atendendo á beleza do pensamento que a copla desenvolve, á novidade das verbas e á enxebreza dos xiros e modismos”. Tamén do 73 é o Cantigueiro popular da Baixa Limia recollido por Xaquín Lorenzo, agora dispoñible na rede nesta reedición.
A escolma da Biblioteca da RAG ofrece tamén exemplos dos cancioneiros que se editaron a iniciativa de docentes que puxeron en marcha proxectos pedagóxicos arredor das poesía popular, como o Cancioneiro popular das terras do Tamarela (1989), de Manuel Rico Verea; ou o Cancioneiro do Fisterra galego, de Manuel Quintáns Suárez, quen contou con arredor dun cento de rapazas e rapaces do Instituto de Cee como compiladores entre os cursos académicos de 1977 e 1979.
O repaso remata con dúas obras ben distantes no tempo. A primeira é O cancioneiro de Buño. Editado por primeira vez nunha monografía no ano 2022, publicouse orixinalmente entre1911 e 1913 no Boletín da RAG, onde se reproduciron un total de 84 coplas recollida a Dolores Cancela Pérez, unha mociña labrega natural desta parroquia do concello de Malpica de Bergantiños. A segunda e derradeira lectura é unha das últimas publicacións que nos deixa este Ano das Cantareiras: o Cancioneiro galego serodio (1989-2012) do músico Xabier Díaz. O volume inclúe unha recompilación de 600 coplas recollidas por el mesmo e acompáñase dun disco con 45 melodías gravadas durante o seu traballo de campo.