
A nova executiva da Academia, á fronte da institución dende o pasado mes de abril, analizou canda o máximo representante dos socialistas galegos as perspectivas do pacto pola lingua a nivel autonómico, e as posibles medidas para impulsar a visibilidade e o uso do galego nas institucións estatais e europeas.
Na xuntanza, Henrique Monteagudo e o seu equipo déronlle a coñecer a López Besteiro os principais proxectos que enceta a institución neste novo mandato, en que volverá ocupar a súa sede da rúa Tabernas da Coruña tras a súa rehabilitación integral. Entre outras iniciativas, prevese a presentación de novas ferramentas para a lingua como o Dicionario castelán-galego, a Gramática da lingua galega ou o Dicionario de apelidos e a continuidade de proxectos de grande impacto social como Toponimízate. A executiva pulará, así mesmo, pola constitución dunha fundación pro-Academia que reúna os apoios de distintos axentes sociais co fin de promover as súas actividades, alén de reivindicar un mellor financiamento dos gobernos galego e estatal co obxectivo de darlle cumprimento aos diversos servizos públicos que a RAG ten encomendados.