Víctor F. Freixanes entrevistouse este venres coa presidenta da coordinadora, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García; o vicepresidente e concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron; Manuel Román Ramos, biógrafo do homenaxeado; e Isabel Vilalba Seivane, membro da coordinadora en representación da Asociación Patrimonio Laurentino.
O presidente da Real Academia Galega agradeceu a visita da Mesa Coordinadora Don Paco e avanzou que a institución, á que Del Riego pertenceu e da que chegou a ser presidente, estará o ano que vén moi presente na súa terra e amosou a disposición da RAG a colaborar en distintas iniciativas a prol da difusión da figura e do legado do intelectual. A primeira delas será o vindeiro 7 de xaneiro, cando a RAG visitará Lourenzá para participar na apertura do Ano Francisco Fernández del Riego organizada dende o seu concello.
O pleno da RAG decidiu o pasado mes de xullo dedicarlle o 17 de maio de 2023 a Francisco Fernández del Riego cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo.
Don Paco foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 sería un dos fundadores da editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). O seu nomeamento significou un importante cambio nas actividades desta institución, que se reactivaron extraordinariamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos.