O presidente da RAG e o vicepresidente da Xunta abordan posibles colaboracións en materia de toponimia

O presidente da Real Academia Galega reuniuse esta mañá co vicepresidente da Xunta nun encontro, enmarcado na rolda de xuntanzas institucionais que está a manter a nova executiva da institución, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade. Entre os asuntos abordados, Víctor F. Freixanes e Alfonso Rueda trataron posibles colaboracións en materia de toponimia.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Fonte: Xunta


O presidente da RAG, acompañado polo secretario Henrique Monteagudo, salientou ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a importancia do traballo que vén desenvolvendo a Academia no ámbito da toponimia, centrado nos últimos anos na revisión e actualización do Nomenclátor de Galicia, repertorio que fixa a denominación oficial das entidades de poboación de Galicia. Víctor F. Freixanes subliñou a riqueza patrimonial que supón a copiosa toponimia galega, e apostou por establecer un marco plurianual de colaboración entre a RAG e a Xunta de Galicia que sexa ambicioso e que aborde tamén a toponimia menor, que abrangue o nome de veigas, vales, regueiros, montes, penedos, camiños ou fontes. Neste sentido, comprometeuse a que a Real Academia Galega lle presente proximamente á Xunta unha proposta que sirva como base para un convenio entre ambas as institucións, para retomar os traballos de recollida, normalización e difusión da toponimia galega, suspendidos desde hai varios anos.

O Nomenclátor de Galicia, que recolle os lugares habitados, consta de 37.308 rexistros, unha cuarta parte dos de toda España e uns 4.000 máis que os que suma Portugal. No caso dos microtopónimos, estímase que os 500.000 recollidos son só un terzo dos existentes. Salvar este rico patrimonio inmaterial require unha actuación urxente, antes de que desaparezan os informantes que o gardan na súa memoria.

A RAG salienta ademais como unha prioridade a elaboración e posta a disposición na Rede, a efectos operativos, dunha base de datos de toponimia galega que sirva de referencia, e estima que un obxectivo razoable sería chegar aos 250.000 ou 300.000 rexistros.


Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes e Alfonso Rueda nun momento da xuntanza. Fonte: Xunta