O presidente da Academia reúnese co titular da Deputación da Coruña

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, mantivo esta mañá unha xuntanza de presentación co novo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. No encontro, celebrado no pazo provincial, tamén participou o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero (á dereita da imaxe), xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo


Tanto Alonso Montero como González Formoso cualificaron o encontro como cordial e produtivo. "Recibíronos cunha gran cortesía, que a Academia agradece", expresou Alonso Montero tras a xuntanza, na que se falou do convenio entre a Deputación e a RAG e de publicacións na imprenta da institución provincial. Na súa sinatura no Libro de Ouro da Deputación, o presidente da Academia desexoulle ademais a González Formoso que "acerte no seu labor social e cultural", o que redundará no prestixio da cultura galega, engadiu.

O presidente provincial salientou, pola súa banda, "a longa traxectoria de colaboración" que manteñen as dúas institucións e a importancia da RAG na promoción da lingua e da cultura galegas. "Son uns fins cos que a Deputación da Coruña coincide plenamente, polo que seguiremos a senda de colaboración que iniciamos hai anos", engadiu.