O Portal das Palabras difunde a gravación inédita da estrea da 'Berenguela' de Manuel María

Manuel María escribiu a historia d'As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela como agasallo aos fillos de Lutgarda González e o avogado Alfonso Rodríguez, con quen mantiña unha estreita relación de amizade. A obra teatral naceu así sobre o papel en 1975. Meses despois, a piques de comezar o verán de 1976, estrearíaa no teatro de monicreques que o pai dos cativos construíra para eles. A Fundación Barrié acaba de recuperar a gravación histórica desa primeira representación, que se pode escoitar a través do Portal das Palabras, un proxecto común da Real Academia Galega e a propia Barrié.

Pola esquerda, Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohán Cabana no ano 1969. Imaxe xentileza da familia de Alfonso Rodríguez


O Portal das Palabras difunde tamén o mecanoscrito orixinal da obra e outras gravacións inéditas nos que Manuel María recita poemas propios, facilitadas igualmente pola Fundación Barrié. Todos estes documentos está dispoñibles agora dixitalizados neste espazo virtual grazas á cesión gratuíta da familia de Alfonso Rodríguez e Lutgarda González. Eles dous e mais Nati Rodríguez e Carlos Rodríguez foron os improvisados actores que puxeron voz á obra, que se representou por primeira vez no número 19 da praza de España de Monforte de Lemos.

As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela é unha das obras de teatro de Manuel María máis representadas. Nela o autor conseguiu achegar nun ton ideal para o público máis novo temas como a liberdade das persoas, a denuncia do autoritarismo e o abuso do poder ou a discriminación do diferente.

Nesta ligazón pódese acceder aos materiais inéditos e ler como os irmáns aos que Manuel María lles dedicou a obra lembran a estrea e ao escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2016. O Portal das Palabras tamén lle dedica a Manuel María distintas entradas en seccións como Setestrelo, onde se pode ver ademais unha felicitación de comuñón con versos seus, e ilustracións de Xurxo Fernández, e fragmentos de cartas profesionais que escribiu como procurador, escritas en galego nos primeiros anos 70.